A nova xerencia do Club Hípico Juan Oliveira (Lalín) traballa na potenciación do ensino e nas competicións
27 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Antonio Villamarín é, dende o pasado mes de xullo, o novo xerente do Club Hípico Juan Oliveira cuxas instalacións se asentan en Mouriscade (Lalín). Un club que pasa -segundo os responsables do mesmo- por un óptimo momento respecto da afluencia de público que acode ao mesmo. «Podemos decir que estamos funcionando a pleno rendemento. É máis estamos saturados. Na actualidade contamos con lista de espera para participar nas clases que se organizan no club», explica Villamarían. O maior volume de alumnos que acoden ao club son da capital dezá «pero tamén os temos de Forcarei, A Estrada e de A Coruña. Moitos veñen a pasar a fin de semán a Lalín e veñen ao club. De feito estamos buscando novos cabalos xa que non chegan os que temos agora».
A nova dirección do Juan Oliveira centra o seu programa de traballo en dúas liñas: potenciar o ensino nas instalacións e levar a cabo diversas competicións ao longo do ano. De feito, para o vindeiro domingo está programado o primeiro concurso de doma clásica. «Non se trata dun concurso oficial. Non está recoñecido pola federación, é un «social», para o que están anotadas unhas doce persoas que participarán en varias categorías. O concurso vai arrancar ás catro da tarde. Somos conscientes de que é un domingo moi familiar, un festivo no que se visitan moitos cemiterios, pero agardamos que veña moita xente a presenciar este concurso. A idea é continuar con este tipo de competicións de doma clásica que é -ao meu entender- a disciplina máis completa que existe neste deporte».
O centro debe seguir medrando pese ao bo grao de funcionamento que está a rexistrar. É preciso seguir captando a máis alumnos. «Imos proporlles ás Anpas que inclúan a equitación dentro das actividades extraescolares. Para este curso xa é un pouco tarde, non nos deu tempo ao chegar á xerencia en xullo, pero para o vindeiro ano se pode artellar o tema con tranquilidade».
A dirección do club lalinense ten previsto programar un calendario anual de actividades, «algo do que se carecía ata o momento», ademáis de traballar na mellora das instalacións deportivas. O club conta con máis persoal. «Contratamos máis xente, máis profesores e temos un coidador permanente das instalacións para que estén nas mellores condicións posibles. Pedimos máis cartos, que é o que se precisa para poder organizar máis actividades». O desexo do xerente do Juan Oliveira: que do club lalinense xurda un bo xinete.