Chegou a hora da verdade

DEZA

Hoxe celébrase a reunión de socios do Balonmán Lalín da que deberá saír un equipo de xente disposto a tomar as rendas da entidade. Senón, haberá que buscar solucións

17 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A masa social do Balonmán Lalín, todos e cada un dos seus socios, están convocados esta noite a unha xuntanza que será fundamental para o futuro da entidade. Ás 20.30 horas na aula de Caixanova comezará un encontro de socios do que deberá saír un equipo de persoas que tome as rendas do club a partir de xa.

Trala asemblea da pasada semana a directiva que na última tempada xestionou o BM Lalín quedou practicamente desfeita, e salvo cambio de última hora, o que se transmitirá hoxe aos socios será que non hai un grupo de xente para dirixir a entidade. Ese equipo agárdase que saia da reunión desta noite, porque o tempo esgótase.

Todo fai indicar que a xuntanza de hoxe porá a proba o cariño dos socios polo Balonmán Lalín, e é precisamente a ese cariño ao que se vai apelar. Non se lle abre os ollos a ninguén se se afirma que se aventuran tempos complicados, nos que tocará apertarse moito o cinto, e traballar arreo; a ninguén se lle escapa; pero todo indica que só hai dúas opcións: ou dar un paso adiante, ou deixar que unha parte da historia de Lalín do último medio século se vaia ao garete.

A asemblea de socios do pasado venres escenificou algo semellante a unha ruptura social que, dende logo, non axudou a encamiñar un relevo. Sen embargo, igual é o momento de botar man da lenda do ave fénix, e confabularse para que o Balonmán Lalín rexurda das súas cinsas.

O obstáculo económico

As contas que se presentaron o pasado venres aos socios non favorecen en nada que hoxe haxa relevo á fronte do BM Lalín. A maiores do déficit xerado nos últimos dez meses, a existencia dunha débeda histórica da que se descoñece así mesmo a cantidade total, obstaculiza que os socios tomen a decisión de dar un paso á fronte. E ese é precisamente o motivo que se esgrime entre os socios para non aceptar o reto, ou a aventura, de xestionar o club. Claro que hai quen subliña que mesmo as dificultades económicas se poden sortear con traballo e axuda. Porque se nalgo coinciden os socios, é en que o BM Lalín non se pode sustentar co traballo de tres. Na asemblea do venres abundaron os socios dispostos a colaborar, e iso semella que non faltarán tampouco hoxe; pero xa non abundaron, senón, máis ben ao contrario, os que se amosaron dispostos a tentar dar continuidade ao club formando parte dun equipo directivo.

Haberá que agardar para saber se se buscan solucións de paso, se se atopa un xeito de dar continuidade a un club histórico, ou se se deixa morrer a entidade á que José Manuel Azurmendi insuflou vida. A pelota está no tellado da masa social; só resta agardar cómo responde.