Xosé Luna está coas últimas correccións de «O rap da formiguiña», unha pequena peza teatral para cativos
29 mar 2009 . Actualizado a las 03:00 h.O escritor e profesor estradense Xosé Luna Sanmartín está a piques de rematar unha nova obra, namentras se prepara para recibir un recoñecemento dos veciños de Guimarei que decidiron pórlle a súa biblioteca pública o nome do escritor.
-Imos por partes, ¿como está a obra de teatro?
-Ben. É unha obra de teatro para nenos e estará para maio, ou iso espero. Actualmente estou coas últimas correccións. É unha obra de teatro que me encargaron e titúlase O rap da formiguiña . É unha obra para rapaces de Infantil e de Primaria.
-Un conto actual?
-É unha mistura. Trátase dunha obra na que conflúen historias de hoxe con tintes de contos moito máis clásicos.
-Para maio estará lista, ¿para as Letas Galegas?
-Tentaremos que sexa posible. Como dixen está prácticamente lista e creo que para as Letras Galegas poderá saír á luz.
-Unha data significativa a do 17 de maio: Día das Letras Galegas e inaugurarase a biblioteca que levará o seu nome en Guimarei...
-E estou fondamente emocionado por elo, ademais de estar moi ledo e inmensamente sorprendido por ese feito.
-Como se enterou dese feito?
-Pois mira, o pasado martes pola mañán recibín a visita do secretario da asociación cultural e deportiva de Guimarei que me fixo entrega dunha copia da acta do que se acordara nunha reunión da directiva do colectivo estradense.
-E que supón ese recoñecemento para Xosé Luña?
-É un fermoso agasallo de primavera. Ser profeta na terra de un nunca é doado pero nesta ocasión... Veño decindo nestes días, e o repito, que eu estou en idade de facer cousas pola lingua pero -se cadra- non estou aínda no momento de recoller e de recibir pero os veciños de Guimarei o entenderon doutro xeito polo que parece e eu me sinto inmensamente emocionado por este recoñecemento. Só agardo que a biblioteca pública, que abrirá as súas portas, con douscentos volumes pase a acoller moitos máis e que siga sendo un edificio humilde como é agora e como o é tamén a asociación.
-Naceu en A Estrada polo que, ¿cal é o vínculo con Guimarei?
-Nacín na rúa Serafín Pazo de A Estrada pero miña nai naceu en Guimarei, meus avós maternos alí estaban e eu pasi moitos días en Guimarei. A casiña, na que naceu miña nai, pasou as miñas mans fai uns anos polo que o meu vínculo con esa parroquia e co lugar de Campos é moi fondo.
-Nestes tempos que corren en que se está máis pendente das novas tecnoloxías a apertura dunha biblioteca case que é un tanto insólito...
-Un cativo mergullado nun libro é unha imaxe de liberdade. O libro é insustituible. Nunha aldea abrir unha biblioteca é abrir unha fiestra ao mundo.