A Estrada revive a súa loita polo galego

No ano 1980 un mestre do Foxo foi denunciado por impartir en galego máis de tres horas semanais. A resposta foi unha manifestación que se lembrará este venres


Nos últimos trinta anos cambiaron moitas cousas. Outras seguen parecido. Daquela non había móviles nin A Estrada podía gabarse de ser Cidade Dixital. Agora si. Daquela a convivencia harmónica do galego e do castelán parecía unha utopía. Agora a cousa segue por un camiño non moi distinto. Entón había concentracións para defender o uso do galego. Agora hai surrealistas manifestacións polo castelán e contramanifestacións en pretendido apoio do galego. Normalidade, a mínima. Precisamente neste ambiente de desacougo A Estrada vai celebrar este venres o trinta aniversario dun dos episodios locais máis sonados da loita polo galego. O desencadeante dos feitos foi a denuncia contra un mestre do colexio do Foxo por impartir en galego máis clases das que a lei lle permitía. Despois de dar clase na escola unitaria de Berres, o mestre estradense, Alfonso Castro López, pasou a exercer no centro público de EXB do Foxo, onde se concentrou a docencia dos escolares das parroquias máis próximas. Alfonso Castro sempre impartira docencia en galego. «Os rapaces falaban galego e eu tamén, parecíame máis lóxico darlle as clases no seu idioma e máis no meu», lembraba onte o mestre, que agora traballa no IES do Porriño. No curso 79-80 publicouse un decreto de bilingüismo que permitía a docencia en galego pero limitábaa a tres horas por semana. Alfonso Castro, que impartía clase ós alumnos de cuarto de EXB, non colmulgaba co decreto e seguiu dando tódalas súas clases en galego, como sempre fixera pese a non estar permitido. O que non esperaba era terse que enfrontar a unha denuncia. A asociación de pais de alumnos do colexio protestou polo «exceso» de clases en galego dos seus fillos. «Supoño que o fixeron manipulados por alguén», comenta Alfonso Castro. O mestre recibeu unha visita da Inspección. «Eu tiven sorte e a cousa quedou en nada, pero outros compañeiros foron expedientados polo mesmo», lembra. Na Estrada o suceso provocou unha revolta social. Mestres, intelectuais e galeguistas en xeral convocaron unha manifestación que acadou unha resposta importante. Atacaban o decreto de bilingüismo e defendían «o dereito irrenunciable ó uso do galego no ensino». A manifestación celebrouse o 16 de marzo de 1980. Este venres recordaránse eses feiros no teatro Principal da Estrada. Farase no transcurso dun acto no que se presentarán un deuvedé e unha unidade didáctica elaborados polo historiador Xoán Carlos Garrido sobre a historia do ensino na Estrada. A presentación terá lugar ás 20.30 horas e os asistentes serán agasallados cun exemplar do deuvedé e outro da unidade didáctica, publicados baixo o título A derradeira lección do mestre . No acto participarán o autor do material didáctico e o mestre denunciado no 1980, Alfonso Castro López.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

A Estrada revive a súa loita polo galego