Preto de sesenta músicos confirmaron a súa viaxe a Roma onde participarán nun desfile e en alomenos un concerto
13 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A estas alturas a Banda Artística de Merza está acostumada a viaxar, participar en certames, festivais, ofrecer concertos dentro e fóra da comunidade galega, pero no Vaticano aínda non actuara pero a oportunidade está cada vez máis preto. Falta menos dun mes para que a formación bandística voe cara a Roma, para satisfacción de músicos e directivos. Con ledicia acolleron a nova o centenar de integrantes da banda cruceña.
O ser a formación máis antiga de Galicia ben vale ir ao Vaticano. Todo partiu do Leader Portodemouros que decidiu apostar pola Artística de Merza para acompañar á delegación que se desprazará a Roma no vindeiro mes de xaneiro para promocionar o produto estrela do concello cruceño: o Galo de Curral. «Somos a banda máis antiga de Galicia. A Artística fundouse no ano 1828, anos antes da de Ribadavia que é do trinta e algo, e por iso nos escolleron a nós para ir a Roma co Galo de Curral e coa expedición na que estará o alcalde», explica o presidente da formación Manuel Otero -que ostenta o cargo dende 1993-.
A Artística de Merza conta cun cento de músicos federados, pero non todos poderán desprazarse ate Roma. «Aínda que todo o mundo quere actuar e tocar alá non vai ser posible. De todos os xeitos xa teño 57 músicos que confirmaron que van viaxar pero creo que chegaremos tranquilamente aos noventa». Pero non só os músicos están interesados en realizar este desprazamento senón que cidadáns, a título particular, tamén queren acompañar á banda e á expedición cruceña. «Unha trintena de persoas xa se puxeron en contacto con nós para ir no mesmo voo. Nós o que facemos é pasarlle os datos ao Concello que é o que se encarga de realizar todas esas xestións». Non é de extrañar o afán viaxeiro dos veciños de Vila de Cruces por que o mes pasado medio cento estivo en Altea arroupando á formación no certame de Alacante.
A falta de coñecer o programa de actos detallado, sí se sabe que a estadía en Roma será do 12 ao 16 de xaneiro. A Banda Artística de Merza participará nun desfile no Vaticano o mércores día 14 e ao día seguinte ofrecerá un concerto. «Imos tocar algún pasadoble e algunha peza galega seguro pero aínda non está todo perfilado. De feito, imos aproveitar as vacacións de Nadal para puntualizar todo iso como é o envío do instrumental. En principio estamos pensando en mandalo todo nunha furgoneta dende aquí ate Barcelona e logo, ao chegar á Cidade Condal, metelo nun ferri ate Roma. Creemos que é a mellor maneira, a máis segura tamén». A formación bandística tén previsto aproveitar tamén un par de xornadas durante a súa estancia en Roma para levar a cabo visitas lúdicas e culturais, mediante visitas guiadas á capital e zonas de interese.