A Nasa regresa á paisaxe nocturna. Regresa para abrir temporada cunha despedida porque as cousas son así, nunca se sabe se é o eterno retorno ou a imposibilidade da razón.
A Nasa volve, Detour vaise e este cruce de destinos vai servir para unha festa que anuncia unha temporada intensa e heterodoxa. Para principiar un xénero que os seus executantes denominan «jazz de confianza» o que quere dicir que é jazz do que alimentou as películas, do que cantaban algúns avós adiantados e que serve para respaldar algunhas historias negras como a vida mesma.
Manuel Santamaría ao piano e Iria Pinheiro na voz compoñen o dúo que repasa un repertorio singular pero con ecos dos clásicos. Un repertorio entre Berlín e Chicago pasando por Vistalegre. Todo un eixo de universalidade que se despide esta noite porque nada, nada é eterno.