Máis dun centenar de rapaces de Santiago e comarca participarán nun campamento musical

La Voz

DEZA

17 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Máis de 120 rapaces pertencentes á Asociación Cultural Musical Solfa de Santiago, á Banda da Escola de Música de Rianxo, á Banda da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, e á Banda Infantil de Merza, como banda convidada, participarán entre o 23 e o 28 de xuño na iniciativa Musigalizando , un campamento musical que se organiza coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, e os responsables das entidades implicadas presentaron este campamento temático que se desenvolve por segundo ano tras o éxito da experiencia de 2007, e que permitirá que os integrantes destas agrupacións poidan compartir o seu tempo de lecer arredor dunha afección común: a música.

Os participantes, con idades comprendidas entre os 9 e os 25 anos, compartirán durante una semana as instalacións do Albergue Xuvenil de Gandarío, en Bergondo. Alí alternarán actividades de tempo libre en contacto coa natureza con ensaios á mañá e á noitiña que lles permitirán preparar un repertorio que combina as alboradas de Celanova e O Grove, de Francisco Landín; a Fantasía Rianxeira , de X. Carlos Seráns; e a Divina Comedia, de Robert W. Smith. O resultado final deste traballo conxunto poderá verse en dous concertos abertos ao público que se celebrarán o 27 de xuño en Sada e o 28 de xullo en Cangas.

O responsable de Xuventude da vicepresidencia considerou este campamento un exemplo dos bos resultados que reporta o traballo man con man entre a Administración e as asociacións no eido da mocidade. Tamén destacou a importancia que ten diversificar a oferta de ocio.