Sentementos a flor de pel

Amelia Ferreiroa

DEZA

Linho do Cuco formalizou contactos en Ginebra de cara a posibles vindeiras actuacións en Barcelona e Suiza

14 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os nove músicos de Linho do Cuco acaban de voltar de Suiza onde participaron no primeiro Encontro Europeo do Folclore, convidados polo colectivo cultural A Nosa Galiza, organizador do evento. Era a primeira vez que a formación estradense viaxaba tan lonxe, pero están satisfeitos desta experiencia «que supón unha forte carga de sentementos, de emocións, de hospitalidade e de proxección artística», salienta Michel Touriño. Dispostos se amosan a repetir experiencia, despois de que cun membro da asociación A Nosa Galiza -natural de Liñares- lle falara á directiva do grupo estradense e o convidara a participar neste encontro musical. Non era a primeira vez que a sociedade galega no exterior puña en marcha un evento semellante. «Levan corenta anos organizando eventos, e facendo que a música popular una aos galegos estén onde estén. No encontro da pasada fin de semán había galegos de A Estrada, Lalín, Ordes, Porriño... Era a unión da diáspora a través da música. Nos chamou moito a atención, por exemplo, que os cativiños estiveran ataviados co traxe rexional galego pero falasen entre eles en francés, pero os seus pais lles están a inculcar a nosa cultura e o noso folclore».

Nun teatro alugado para a ocasión por parte do colectivo A Nosa Galiza, e ante unhas trescentas cincoenta persoas, Linho do Cuco interpretou pezas do seu primeiro disco e composicións do segundo traballo «que aínda non está na rúa, pero que xa rematamos». Muiñeiras, jotas, pasadobles e rumbas centraron as peticións do público asistente, «ao que lle tentamos tocar todo aquelo que nos foron pedindo. A xente bailaba a rabiar, foi unha experiencia extraordinaria». Pero a viaxe a Suiza foi algo máis que sentementos, hospitalidade e actuacións. Serviu para establecer contactos de cara a vindeiras actuacións. «Non está nada pechado, pero establecemos contactos con diversas asociacións galegas en Suiza e tamén en Barcelona. En vindeiras datas iremos vendo se é posible voltar a tocar fóra». De momento, o máis inmediato e o que sí está pechado é unha actuación de Linho do Cuco en Monfero este sábado, no Día das Letras Galegas, e o vindeiro 11 de xullo e Callobre. E namentras, a formación agarda poder sacar ao mercado o seu segundo traballo, «que vai máis alá do primeiro, cun toque de fusión da música que escoitamos». Pero para elo haberá que seguir facendo números. «O panorama non está para dar saltos de alegría, pero somos optimistas e pensamos que neste ano sairá á venda. Se é dentro duns meses, moito mellor». De momento, seguir cos ensaios e grabando nun piso de Lalín «onde ás cinco paramos xa que tocan as campás da igrexa e non nos permiten continuar».