O vindeiro día 24 inaugurarase en Ventosa o circuito Monte Farelo coa disputa da segunda proba do Galego de Quads. O Quad Club Agolada, con Juan Coego como secretario, está a ser un dos principais impulsores da proba galega, que fará tres paradas no circuito Monte Farelo.
-¿Como xurdiu a idea de poñer en marcha un club de quads en Agolada?
-Aquí hai bastante afición. Hai tres anos organizamos unha carreira con motivo dunhas festas e xuntamos a máis de mil persoas. Hai dous anos fíxose o Aberto Galego, con dúas carreiras, e quedaron gañas de máis. Nós queríamos un campionato oficial.
-E o club, ¿cando naceu?
-Haberá dous anos. Somos doce persoas na directiva, e dúas competindo directamente no campionato.
-Agolada acollerá tres das probas do Galego.
-Así é, o día 24 será a primeira, que servirá para inaugurar o circuito Monte Farelo. En total en Agolada haberá dúas probas de cross e unha de resistencia. Acoller as tres probas tamén é para nós un xeito de darlle vida ao circuito, no que se leva traballado moito.
-¿Tanta afición hai en Agolada ao mundo dos quads?
-Hai afición, e ademais, Agolada está situada en moi bo sitio. Na primeira proba, en Cospeito, xuntáronse 600 persoas, así que tendo en conta que Agolada está no centro xeográfico de Galicia, é moi posible que xuntemos moitas máis. Penso que poderíamos chegar ás mil.