Cinco deportistas dezanos participarán a vindeira fin de semana en Monforte de Lemos no Campionato de España de Duatlón de categorías Élite Sub-23 e por grupos de idade. En Élite Sub-23 estará o o triatleta cruceño Emilio Montilla, que a pasada edición finalizara no posto 18 da competición. O deportista, que milita no Club Cidade de Lugo Fluvial, afrontará tres segmentos, dos cales o primeiro constará de 10 quilómetros a pé, o segundo serán 40 quilómetros en bicicleta, e o terceiro consistirá en 5 quilómetros de carreira a pé.
Segundo apuntou Montilla, as expectativas para a competición son boas, posto que chega nun bo momento físico. Sen embargo, o triatleta tamén lembrou que será o devir da proba o que determine a meta que se pode marcar. Para Montilla o primeiro segmento da competición será o que marque as diferencias, posto que «nos 10 primeiros quilómetros será onde se decida quen vai entrar no grupo de cabeza para disputar despois a carreira», abundou.
Xunto con Montilla, haberá outros catro deportistas dezanos competindo no Campionato de España. O sábado celebrarase a proba na categoría de grupo por idades, na que estarán Antonio González do Club Metalmarine Lalín, competindo no grupo de 20 a 24 anos, mentres que o seu compañeiro de club, Armando Piñeiro estará encadrado no grupo de 40 a 44 anos. Miguel Varela, Txiki, que milita no Club Triatlón Bricosa de Santiago, competirá tamén o sábado no grupo de 35 a 39 anos, mentres que o tamén dezano Xavier Nercellas, do club compostelá, estará no grupo de 30-34 anos.
Os catro deportistas dezanos que tomarán a saída o sábado deberán superar tres segmentos coas mesmas distancias cá categoría Élite Sub-23:, 10 quilómetros a pé, 40 en bicicleta e un último sector que contará con 5 quilómetros de traxecto a pé. O perfil da proba é llano.