Como apadriñar unha capela

Amelia Ferreiroa

DEZA

En Lalín acaba de abrirse unha conta bancaria cuxos fondos irán destinados a levantar unha capela no Perú

19 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O traballo do Pasionista Odilo González é ben coñecido entre os seus veciños da parroquia lalinense de Donramiro, e en boa parte da comarca de Deza. Anos leva o Padre Odilo en Perú como misioneiro, alí está a súa vida aínda que de cando en vez se deixa caer por estas terras. E meses leva tempo dándolle voltas a unha inquedanza: poder levantar unha pequena capela. Para tal finalidade solicitou colaboración do Concello de Lalín, e máis concretamente do alcalde Xosé Crespo, que deixou en mans do concelleiro Manuel Gómez -primeiro- e nas de Nuria Rodríguez -finalmente- a coordinación deste proxecto. O diñeiro non sobra polo que se optou por apelar á colaboración cidadán. Dende fai uns días está aberta unha conta bancaria na entidade bancaria Caixanova, na que calquera persoa pode facer entrega da aportación que desexe ou poida facer. Calquera suma é benvida, salienta Carmen Carballude a encargada de tramitar o envío do diñeiro ate Perú. Esta lalinense leva anos colaborando con orfanatos de dito país, aos que acode o Padre Odilo a cotío, e realiza envíos de roupa, xoguetes e diñeiro que van destinados aos rapaces de ditos orfanatos.

A pequena capela que se pretende levantar en Perú non se destinará só ao culto. «É unha edificación na que se pretende que se poidan xuntar os veciños, servir de escola para os nenos como se está facendo noutras capeliñas semellantes. Imos tentar que isto poida ser unha realidade, xa que despois de corenta anos de servizo é a primeira vez que Odilo lle pide abertamente algo a este pobo no que naceu».

As colaboracións económicas dos cidadáns para con este proxecto tamén se lle poden entregar directamente a Carmen Carballude, e de feito xa chegaron as primeiras axudas. «Un veciño de Odilo, de Donramiro, me fixo entrega de seiscentos euros para este proxecto e na miña tenda temos unha hucha na que algunha moediña xa hai. É certo que se precisa aínda de moito máis».

Non existe un proxecto conciso da edificación que se pretende levantar na selva peruana nin do custe total da obra. «As características da capela e as súas dimensións adaptaranse ao envío de cartos que fagamos. Canto máis diñeiro se xunte máis grande e mellor será a capela, que se quere construir canto antes xa que agora alí e verán e logo chegan as choivas torrenciais e nada se pode facer. Ogallá que para Reis tivésemos unha boa cantidade xuntada». Agora o desexo do Padre Pasionista queda nas mans e na vontade dos dezaos, que poden colaborar con este causa e formar parte dun grupo que apadriñará unha capela no Perú.