Case 20 anos de ligazón converten a José Sesar Villar nunha das figuras centrais da historia do fútbol sala na capital de Tabeirós-Montes. Desde a dobre condición de presidente e patrocinador, Pepito asumíu no seu momento a herdanza do Hastersede, sucesor do Gran Vía, elevando o fútbol sala estradense desde a Liga Provincial á Primeira Nacional A co seu Enredo. Ante a inminente nova tempada, Pepito invita a voltar a soñar co salto á División de Prata.
-Gañar a Liga a tempada pasada e non poder subir pola falta do aval foi un pao...
-Foi unha lástima non ter atopado apoios para poder ascender. Tiñamos practicamente todo planificado para saír en Prata, os xogadores estaban apalabrados...
-Fóronse Bruno, Cecilio, Beto, Pellón... Este ano non hai galácticos...
-Galácticos temos. Buxía. Nino. Martín, ese si que é un galáctico. Fixemos un bo equipo, para loitar polos postos de arriba
-Entón, ¿a afección pode soñar de novo co salto á Prata?
-A xente ten que soñar de principio. Que se dea feito ou non o ascenso, xa se verá. Equipo hai suficiente. O que teño claro é que esta tempada imos encher de novo o pavillón.
-De advertir da desaparición do A Estrada Fútbol Sala por falta de relevo pasouse a un macroclub (C.D. Estradense) cunha megadirectiva...
-A solución para o deporte da Estrada, como para o doutros concellos, é unir tódalas especialidades nun só club.