O programa da Deputación ofrece novos itinerarios con prácticas profesionais ou titorías empresariais
18 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.LALÍN| A Deputación de Pontevedra vén de anunciar a posta en marcha de novos itinerarios dentro do proxecto Aquelando co que o organismo provincial tenta promover a inserción socio laboral, no sector dos servizos de atención a persoas, de colectivos con dificultades á hora de atopar emprego. Os novos itinerarios formativos que oferta Aquelando consisten na realización de prácticas profesionais ou no asesoramento á hora de poñer en marcha novas empresas vencelladas ao sector servizos de atención ás persoas.
Os itinerarios que se ofertan veñen a completar os cursos formativos que Aquelando puxo en marcha o ano pasado, e dos cales dous se impartiron nas comarcas de Deza e Tabeirós, concretamente en Silleda e A Estrada. Os dous municipios foron os seleccionados nas comarcas para impartir os módulos de atención a maiores e ocio e tempo libre, respectivamente. Naquel momento, o BNG lalinense criticara ao goberno local ao considerar que estaban a deixar pasar a ocasión de sumarse ao Aquelando, unha cuestión que a daquelas concelleira do ramo, Lucita Villar, xustificara en que Aquelando ofertaba actividades que xa se estaban a promover dende os Servizos Sociais lalinenses.
Os cursos
O pasado mes de decembro comezaron en Silleda e A Estrada os cursos teóricos nas modalidades de atención a maiores e ocio e tempo libre. As actividades formativas teóricas prolongáronse ata o mes de marzo e contaron cada unha con arredor de 20 alumnos chegados de toda a provincia agás das cidades de Vigo e Pontevedra, que contan con programas específicos.
Agora, os alumnos que tomaron parte nos cursos que se impartiron en Silleda e A Estrada, ou nas restantes actividades formativas sobre infancia e discapacitados impartidas noutros municipos, terán a posibilidade de completar a súa formación coas prácticas profesionais ou a creación de empresas. Os novos itinerarios estarán tamén abertos a persoas que acrediten ter un mínimo de formación en atención a persoas, ou que teñan iniciativa empresarial en servizos de atención a persoas para a creación de empresas.
Os novos itinerarios formativos do proxecto Aquelando están dirixidos para persoas desempregadas. A asistencia, tanto ás prácticas profesionais como ás tutorías de asesoramento e apoio para a creación de negocios son gratuítas, e terán o apoio dunha bolsa de formación.
Inscripción
Para poder asistir ás tutorías de creación de empresas ou realizar as prácticas profesionais, todos os interesados deberán anotarse ou informarse no teléfono 986 804 135, da Cidade Infantil Príncipe Felipe.