O C.D. Lalín celebrará a súa asamblea o 9 de agosto

DEZA

28 jul 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

lalín | O Club Deportivo Lalín celebrará o xoves 9 de agosto a súa asamblea anual. Así o indicou onte o presidente do club, Amandio De Bessa, no transcurso da presentación de Gustavo como novo xogador dezano. De Bessa apuntou a que a asamblea de socios terá lugar no Casino lalinense ás 20.30 horas en primeira convocatoria, e ás 21 en segunda. Nela darase conta do balance económico e deportivo do club roxinegro durante a última tempada.

Presentación

O Club Deportivo Lalín levou a cabo na mañá de onte a presentación oficial do portugués Gustavo como novo ariete do equipo de Acevedo. O xogador luso chega ao conxunto de Terceira despois de que a directiva de De Bessa tentara fichalo en marzo. Naquel momento Gustavo mesmo estivera probando con Gelucho, pero un problema co transfer impedíralle ao club roxinegro incorporalo á plantilla. Onte De Bessa presentouno co obxectivo e o desexo de que «marque moitos goles».

A última incorporación roxinegra ata o momento, militou na Segunda B alemana, e trala aterraxe frustrada no C.D. Lalín, foi a parar ao Compostela.

A plantilla

A un mes de iniciar a tempada de Liga, o Lalín reforzouse con seis fichaxes: Iván Parada, David Soares, Gustavo, Quique Jurado, Marcio e Ángel, que comezará a traballar cos seus compañeiros a vindeira tempada. Á media ducia de incorporación feitas pola directiva lalinense, poderían sumárselle estes días outros dous nomes, segundo informou De Bessa.

O mandatario roxinegro amósase convencido da capacidade do Lalín 2007-2008, «porque co equipo que temos podemos competir con calquera equipo da categoría», apuntou. De Bessa destacou a xuventude da plantilla que dirixe José Manuel Alonso Acevedo, «porque temos unha plantilla xove e moi competitiva, con 13 sub-23, dun total de 19 xogadores», e engadiu que «moito son rapaces novos que queren facelo ben para ter unha oportunidade noutras categorías, e iso é un aliciente».

Respecto do calendario, De Bessa entende que o Lalín comezará a tempada enfrontándose a un equipo «importante», o Montañeros, pero alude a que «hai que xogar contra todos». Onte ás 20 horas o Lalín desputaba en Arteixo o seu primeiro amigable da tempada.

Novas caras no Estradense

O que tamén continúa coas presentacións de xogadores é o Club Deportivo Estradense. Os de Preferente presentaron onte a última hora da tarde a Lalo e Álex. Lalo, estradense que militou no Flavia é un xogador polivalente e vello coñecido dos siareiros locais. Pola súa banda, Álex chega do Santa Comba, pode xogar de banda ou media punta, e é rápido. Tanto Lalo como Álex comezarán a pretempada co resto do equipo o vindeiro luns ás 20 horas.