Pencho e Blanco coordinarán o C.D. Estradense e adestrarán en Preferente

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

Os ex xogadores locais substituirán a Moure á fronte do equipo a vindeira tempada Iglesias calcula que a nova entidade deportiva barallará un orzamento de 270.000 euros

03 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? campo de fútbol de A Baiuca acolleu onte a escenificación da fusión do Club Deportivo Estradense e do A Estrada Fútbol Sala. Parte da directiva que sacará o novo proxecto adiante explicou o que definiron como «unha nova etapa» no deporte estradense. Entre as novidades que aportaron Antonio Iglesias, máximo mandatario da nova entidade, e catro dos seus directivos, foron os nomes dos homes que se responsabilizarán da coordinación deportiva do novo club, así como do banquillo do equipo de fútbol de Preferente. Juan Manuel Campos, Pencho , e Manolo Blanco foron os homes escollidos para dirixir deportivamente o Club Deportivo Estradense, tanto na seccion de fútbol, como na de fútbol sala, se ben nesta última continúa Rodrigo Feijóo como adestrador. O novo proxecto O fusionado Club Deportivo Estradense contará a vindeira tempada na súa sección de fútbol sala cun equipo sénior, dous femininos, un en provincial e outro en liga local, así como unhas escolas deportivas que Pencho e Blanco tamén coordinarán. Segundo indicou José Ramón Puga, un dos novos directivos, neste momento Blanco e Pencho están xa a traballar no proxecto deportivo, no que «tentaremos fichar xente de A Estrada. Estase contactando coa xente, pero xa están case todos fichados», subliñou o directivo. Tamén na sección de fútbol están xa a traballar Pencho e Blanco logo de que o club prescindise de Moure. «Contamos con que continúe a maior parte da plantilla», aclarou Iglesias, que explicou que «estabamos esperando tamén a que os rapaces coñezan a nova directiva». Tarefa compartida No apartado técnico, segundo indicou Pencho, a idea é que él e Blanco traballen man a man en todo o inherente ao cargo de adestrador, unha tarefa que compartirán ao 50%. A relación deportiva dos dous estradenses vén xa de longo, posto que os dous compartiron vestiario nas súas traxectorias deportivas estradenses. Precisamente este é, segundo Pencho, un dos alicientes do proxecto no que se acaba de embarcar e que cualificou de «moi ilusionante» coa nova etapa que se abre para o fútbol e o fútbol sala estradense. Orzamento A fusión dos dous clubs de maior envergadura de A Estrada levará parello un orzamento importante. Segundo dixo Iglesias, «podería situarse nos 270.000 euros», unha cantidade moi elevada que requirirá unha dura labor de recadación. «Iniciamos o gran proxecto deportivo de A Estrada, é complicadísimo pero ímolo lograr. Hai que traballar moito, pero con esta directiva non haberá problema», apuntou. Ata o momento no referente aos patrocinios, contan coa continuidade de Reale, e no apartado de fútbol, «xa se deron as conversas, e agora teñen que sometelo ao consello de administración». Quince directivos Con Iglesias na presidencia, o Estradense terá a Sanmartín, Manuel Torrado e Ramiro Cillero como vicepresidentes, Francisco Puente secretario e José Sesar vicesecretario. Manuel Bascuas será tesoureiro, e Arturo Míguez vicetesoureiro. Vocais: José Ramón Puga, Nemesio Rey, Juan Manuel Afonso, José Antonio Fandiño, José Manuel Marque, Juan Carlos Mariño e Manuel García.