O Estradense terá a Rivadulla na presidencia se aparecen directivos

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo A ESTRADA

DEZA

MIGUEL SOUTO

O empresario dará o paso de xurdir un grupo numeroso de voluntarios dispostos a xestionar o club O candidato virtual conta co respaldo de Francisco Muíña, e aposta por un proxecto que potencie a canteira

16 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A continuidade do Club Deportivo Estradense depende tan só dos seus socios. Concretamente, da aparición dunha ducia de entre os máis de 400 aboados da sociedade deportiva disposta a arroupar ao empresario local Luis Rivadulla. O ex presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios da Estrada (ACOE) reafirmou onte o seu ofrecemento de asumir a presidencia da entidade vermellona «se aparece un grupo numerosísimo de persoas para formar unha directiva» que comparta con el o labor de xestionar o club. «O ideal sería contar con doce persoas» traballadoras e comprometidas, comentou o candidato virtual, «porque iso nos permitiría a todos librar algunha fin de semana ao mes». E é que se algo ten claro Luis Rivadulla é que nos seus plans non está ser esclavo da xestión do C.D. Estradense, escarmentado da súa experiencia na ACOE, onde «acabamos levando a asociación entre dúas persoas». Rivadulla, que onte reiterou o ofrecemento que fixera o venres noite na asemblea do club, amósase nembargante escéptico ante a posibilidade de que o seu paso adiante se faga efectivo. Porque mentres «eu teño ganas de coller o C.D. Estradense», a falta de compromiso da escasa ducia de asistentes á reunión de socios «non me deu boa impresión». Por iso, só está disposto a facer firme a súa proposición «se nos vindeiros días me chama bastante xente ofrecéndose para a directiva». O empresario desvelou que o venres se ofreceu á asemblea logo de falar con anterioridade co que fora secretario do C.D. Estradense na etapa de Antonio Iglesias, Francisco Muíña. A día de onte Rivadulla contaba co compromiso de Muíña e dun par de persoas máis para coller o relevo de José López Vilariño. Pero non son suficientes para garantir o futuro do club, que este ano cumpre os seus primeiros 82 anos de historia (e non 60 como se escribíu onte erroneamente). Dúas escolas mellor cá unha Á espera da resposta da masa social do C.D. Estradense, Luis Rivadulla adiantou cal será o seu proxecto deportivo se remata converténdose no presidente da entidade. «Eu apostaría por potenciar a canteira, con fichaxes puntuais. Non perseguiría resultados a curto prazo. Na Estrada hai dúas escolas de fútbol (Sporting Estrada e Callobre), e se hai quen ve niso un problema, para min resulta magnífico. Penso que o C.D. Estradense debe potenciar o labor desas dúas canteiras, chegar a un acordo cos seus clubs, e facer un equipo xuvenil único que estivera o máis arriba posible e do que saíran xogadores para o C.D. Estradense. Este tipo de proxectos sempre acaba dando os seus froitos».