NÚMERO 5 DO PP DE LALÍN
08 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Nacín en Lalín no 68, aínda que pasei a infancia en Francia cos meus pais. Desa etapa conservo, sobre todo, dúas lembranzas: unha educación nun idioma que por fortuna aínda manteño e a convivencia nun marco de tolerancia con xente de moitas culturas. Despois de estudiar BUP en Lalín, comecei a prepararme en diversos ámbitos dos sectores comercial e téxtil, que son nos que traballo, os que coñezo un pouco máis a fondo, dous dos motores do desenvolvemento económico de Lalín. En canto ás miñas afeccións, gústame compartir risas e bos momentos cos amigos e coa familia e sempre practiquei algún deporte, como o balonmán ou as artes marciais. Tamén me apaxiona a lectura. Principalmente porque lonxe da imaxe que ás veces temos dos políticos para min a política está moi vencellada co que se fai día a día no entorno que te rodea, no teu pobo ou cidade. Para min a política actual, con independeza das refregas partidistas, céntrase máis en modelos de xestión. Creo que formo parte dunha xeración cunha nova visión da política e por iso non temos reparos en involucrarnos nela. Dende moi novo estiven implicado en diversas actividades ou asociacións con protagonismo na vida pública de Lalín, porque unha das miñas teimas sempre foi defender e promocionar a imaxe de Lalín dentro e fóra do noso concello. A miña colaboración coa candidatura de Xosé Crespo non é nova, xa que en anteriores ocasións xa fora na lista, sempre motivado polo seu traballo e porque ten unha visión estratéxica do que pode ser un Lalín mellor.