Os lalinenses traerán un pan no brazo

La Voz LA VOZ | LALÍN

DEZA

As axudas para incentivar a natalidade no concello é unha proposta unánime dos candidatos O PP leva o Plan Baby; o BNG, un Pacto polo Emprego; e o PSOE apoia a Alta Resolución

04 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? piques de entrar na campaña electoral, as distintas formacións comezan a desgranar as súas propostas de goberno. Co obxectivo de coñecer as opinións dos catro candidatos de Lalín, esta Redacción plantexoulles cuestións como a previsión de medidas para incrementar a natalidade; as súas alternativas en Sanidade; nas políticas de emprego; ou as grandes obras en marcha en Lalín, plantexando se poden supoñer un descoido do rural. As respostas dos candidatos a estas catro cuestións deixan ás claras unha cuestión: se os políticos de Lalín cumpren, os lalinenses que nazan tralas eleccións virán cun pan debaixo do brazo. E é que a única coincidencia unánime de Xosé Crespo, Manuel González Aller e Francisco Vilariño é aportar axudas as familias que teñan fillos: Crespo presentará o Plan Baby Lalín, para recoller as medidas directamente orientadas a fomentar a natalidade, mentres o PSOE aposta por axudas para paliar gastos e o BNG compromete 1.500 euros por fillo; o PG plantexa mellorar as condicións socioeconómicas como medio de impulsar máis nacementos. Noutras cuestións, cada partido defende un plantexamento: o PP quédase só para respaldar o consistorio ou o Lalín Arena. O PSOE fai o propio co Centro de Alta Resolución, no canto do hospital comarcal que apoian PP e BNG; e o BNG plantexa un pacto local polo emprego como revulsivo laboral. As preguntas que respostaron son as seguintes: 1) Lalín rexistra unha baixa natalidade, ¿a súa formación ten prevista algunha medida para potenciar os nacementos e/ou incrementar o asentamento de poboación? 2) En Sanidade, ¿cal será a súa aposta de chegar ao goberno: potenciar o ambultario existente, axilizar o anunciado Centro de Alta Resolución ou a construcción dun Hospital Comarcal? 3) ¿Qué políticas de fomento de emprego plantexará no seu programa de goberno? ¿É perentoria a necesidade de chan industrial? 4) ¿Lalín ten suficientes medios para afrontar obras como o novo consistorio ou o Lalín Arena? ¿Son necesarias estas grandes infraestructuras, ou supoñen desatender á zona rural?