O xogador Marcelo e o preparador físico dirixen o equipo trala destitución de Magallanes O conxunto xixonés está virtualmente descartado da loita polo ascenso
15 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.O Restauraciones El Llano resístese a asumir a condición de equipo fracasado que en cuestión de catro escasas xornadas se labrou a pulso. O presidente do club xixonés, Juan Carlos Vega, manifestaba onte que o seu plantel recibirá o domingo o Reale Seguros coa intención de gañar o encontro e, deste xeito, manter vivo o seu obxectivo de acadar o ascenso como campión de Liga. Unha meta virtualmente imposible para un equipo que con só nove partidos por diante acumula unha desvantaxe de 7 puntos cos dous colíderes, o Reale e o Atlético Benavente, co agravante de dispoñer dun partido máis disputado. O chamado a ser gran rival do A Estrada F.S. polo salto a Prata víu como o seu soño, por moito que se empeñe o seu presidente, se esfumaba tralo parón navideño cunha racha de tres empates (2-2 na cancha do Puertas Deyma, 4-4 na visita do Ponferrada XXI a Xixón e 2-2 na pista do Mera) e unha derrota, no seu propio feudo a mans do Carballiño (2-5). Juan Carlos Vega atribúe esta debacle á desastrosa preparación física que, segundo el, deseñou o adestrador Marcelo Magallanes. «El equipo casi no entrenaba», di o presidente do El Llano, «y eso se notó». A reacción de Vega foi despedir a Magallanes hai tres semanas. Marcelo Giovanni, o veterano peche hispanobrasileiro fichado o pasado verán do Burela de Prata, e o novo preparador físico do equipo son, sinala o presidente do El Llano, os encargados de dirixilo ata que «encontremos a un sustituto de garantías». Mentres, Marcelo Giovanni e o preparador físico acumulan xa dúas xornadas compaxinando a súa dobre tarefa, nas que sufriron a derrota co Carballiño e gañaron, hai sete días, en Porriño. O partido en domingo Vega explicou a decisión do El Llano de trasladar o partido co Reale Seguros ao domingo dicindo que «vamos a jugar el resto de nuestros partidos de Liga en casa los domingos. Lo hacemos para que venga más gente al pabellón. Ya lo quisimos hacer la vez anterior que jugamos en casa, pero ya tenían ocupada la hora». Sobre a posibilidade de incidentes dada a mala relación existente entre ambos clubs, Vega sostén que «el Reale puede venir tranquilo. Cuando fuimos en octubre no nos trataron mal. Aquí el ambiente será tranquilo».