Os xogadores roxinegros respaldan a Gelucho e conxúranse para sacar o equipo do pozo O cadro dezao ten ante si tres duras citas encadeadas, a primeira o sábado ante o líder
13 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.«O plantel é o que ten que sacar isto adiante. O que está a fallar agora é o equipo, non o adestrador». Esta era a conclusión que o luns facía Amandio De Bessa logo de analizar a profunda crise deportiva do C.D. Lalín. E esta é tamén a opinión dos xogadores roxinegros, que o martes á noite facían súas as duras críticas que tanto o presidente da entidade como o seu adestrador, Gelucho, lles dedicaron a raíz da humillante e histórica derrota o pasado sábado no Cortizo ante o modesto Bergantiños. O 0-6 encaixado ante un rival directo pola permanencia non deixou marxe ningunha o plantel roxinegro, que o martes na reunión co presidente e técnico, e onte a nivel público entoou o mea culpa e o seu máis firme propósito de emenda. «O que nos comentaron Amandio e Gelucho xa o sabiamos», explicaba onte Marcos, un dos catro capitáns do conxunto dezao xunto con Nando, Suso e Martin. «Gelucho ten razón, o que falla é a nosa actitude, e a quen lle corresponde sacar isto adiante é a nós, os xogadores. Asumimos tódalas críticas que se nos fan», eximindo de calquera responsabilidade na crise do C.D. Lalín a un corpo técnico que «está a traballar moi ben» e a unha directiva «que se está a comportar fenomenalmente connosco». Na mesma liña se manifestaban onte homes coma Nando, Javi López ou Suso. O primeiro describíu o 0-6 co Bergantiños como «unha debacle». Por iso, «entendemos que o outro día dubidaran da nosa capacidade como futbolistas. Sabemos que temos que dar outra imaxe. O que está a fallar agora mesmo é o equipo». «A culpa é nosa, dos xogadores, é certo que existe un problema de actitude», di Javi López, que os homes do C.D. Lalín atribúen non á falta de ganas de gañar, se non á súa debilidade psicolóxica. Neste senso, Suso comenta que «o sábado foi o reflexo da nosa tempada: non somos quen de reaccionar» cando as cousas se poñen mal no campo. E, engade, «dá igual quen estea no banquiño, Acevedo, Gelucho ou Capello». Logo da charla do presidente e do técnico, o plantel do Lalín permaneceu reunido por espacio duns cinco minutos. Tempo que dedicou a «conxurarnos para sacar isto adiante», comentaba onte Nando, quen agarda «que o 0-6 sexa un punto de inflexión», «un mazazo», pide Suso, «que nos faga espabilar». No que tamén coincide o plantel é en que «Gelucho é a persoa idónea para sacar isto adiante». «Nós imos a morte con Gelucho», sinala Suso e confirma Nando, quen comenta que «o plantel está con el, o mesmo ca no seu momento con Acevedo». O propósito de emenda dos futbolistas do C.D. Lalín choca nembargante coa dureza do calendario de Liga que lle queda por diante ao conxunto roxinegro. Especialmente nas vindeiras cinco semanas, nas que coa excepción dun Céltiga que non se xoga nada (11 de marzo), os homes de Gelucho encadearán un desprazamento ao campo do líder, este sábado en Cerceda, a visita do Santa Comba, cuarto clasificado, e sendas viaxes a Vilalonga, sétimo, e Bouzas, quinto. Partidos nos que haberá que sumar alomenos a metade dos puntos para non chegar na uvi aos seguintes tres duelos a vida ou morte co Hío (17º), Betanzos (16º) e Laracha (19º).