Crónica | Feira Internacional de Turismo O rexedor Xosé Crespo promocionou o Concello como destino turístico en Fitur. O novo eslogan para atraer visitantes é «Mellora a túa vida interior. Ven a Lalín»
01 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.? nova edición da feira internacional de turismo abriu as portas onte co Concello de Lalín como protagonista do primeiro evento de importancia do ano no sector turístico. O stand do padroado de turismo Rías Baixas acolleu a presentación da trixésimo novena Festa do Cocido de Lalín, que foi presentada polo alcalde do concello, Xosé Crespo. O rexedor presentou a nova campaña de promoción turística da capital do Deza. O lema escollido para divulgar as excelencias do quilómetro cero de Galicia é ben revelador: Mellora a túa vida interior. Ven a Lalín. Como un remanso de paz tibetana, convídase aos potenciais visitantes a descubrir a calma e a quietude que se respiran no corazón do país. Apoiando esta presentación estiveron persoeiros da comunicación, como Fernando Ónega, do mundo do deporte, como o dobre medallista olímpico e comendador do cocido, David Cal ou cargos da Xunta, como Rubén Lois, director Xeral de Turismo, o presidente da Deputación Rafael Louzán ou os alcaldes de Forcarei e Cangas. Despois do obrigado visionado do vídeo promocional de Lalín, Crespo deu a coñecer as pautas que seguirá o seu equipo de goberno para explotar a potencialidade turística do interior. Catro piares Crespo precisou que as posibilidades de converter a Lalín nun punto de referencia turística durante todo o ano pasan por apoiarse en catro puntos fundamentais: natureza, cultura, patrimonio e gastronomía. Para destacar o entorno natural lalinense, o rexedor citou vinte paisaxes que merecerían desprazarse dos tradicionais puntos de aglomeración costeira. A carballeira da Barcia ou a Serra de Candán son algúns dos puntos fortes desta oferta. No eido cultural, prácticas como a tradicional malla, a romaría do Corpiño ou o traballo xerado pola rede de museos de Lalín son os expoñentes dunha oferta que se complementa coa abundante gastronomía na que o cocido é o grande embaixador, como salientou Rubén Lois, que avogou pola «desestacionalización» do turismo, é dicir, que o outono e o inverno sexan tan boas datas coma o verán para visitar Galicia. Onte tamén dábase a coñecer na feria madrileña Fitur a proposta cultural do museo Casa do Patrón de Doade, xunto co seu traballo en DVD sobre o proceso do liño. Comendador Despois de que Rafael Louzán convidase aos presentes a acudir a Lalín o vindeiro día 11, Crespo anunciou que a relación de comendadores do Cocido verase aumentada con Honorato López Isla, vicepresidente primeiro de Unión Fenosa.