Reportaxe | Aventura no rellie africano máis extremo José Manuel Loureiro inicia hoxe a proba raíña do motor como mecánico dun dos equipos participantes. O obxectivo: chegar ao Lago Rosa
05 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Hoxe toma a saída na capital lusa o rallie Lisboa-Dakar, unha das probas de motor máis extremas que se desputan, e que contará este ano con presenza da comarca. O estradense José Manuel Loureiro Gestoso comeza hoxe a súa primeira aventura no Dakar como mecánico dun dos equipos participantes. Con 7.915 quilómetros por diante, e seis países polos que cruzar, Loureiro dará hoxe ás a unha das ilusións que mantén dende pequeno. José Manuel leva o mundo do motor nas veas. «Eu nacín e crieime na parroquia de Ribeira. Meu avó era mecánico, e lembro que dende pequeno levo toda a vida coa chave inglesa na man». A paixón polo mundo do motor e das máquinas levou a José Manuel a vivir a Madrid, onde exerce de mecánico dende hai varios anos. Aínda que sempre tivo na mente a idea de vivir a experiencia dun Dakar, nunca se lle presentara a oportunidade ata este ano. «O ano pasado coñecín a unha xente que me puxo en contacto cun equipo que competía no Dakar. Contactei con eles, e a partir de aí xurdiu a posibilidade de participar co Tibau Racing no Dakar». Para elo José Manuel tivo que pasar unha serie de probas de coñecementos sobre mecánica, e acompañar a outros mecánicos en sesións de traballo, comenta o estradense. Aventura nas dunas Loureiro inicia hoxe o seu primeiro Dakar formando parte do Tibau Racing, un nome que agrupa a tres coches diferentes, entre os que está o Bowler que supervisa Loureiro. Por se as propias características extremas da proba non foran suficientes, para poder afrontar un Dakar, o equipo valenciano Taysa, no que está o estradense, traballa man a man con outros dous coches, cos que forma o Tibau Racing. Deste xeito, entre os tres coches poden afrontar máis comodamente a proba, e toda a intendencia que require. «Compartimos un camión entre os tres, no cal levamos todo o material, os repostos, e o mínimo para subsistir, porque non hai sitio para nada». Aínda que cada un dos integrantes do Tibau compite de xeito independiente, a dureza extrema do Dakar aviva o compañeirismo entre os mecánicos, comenta Loureiro. Preparación As condicións extremas nas que o Dakar se desputa non asustan a José Manuel, que cré que a parte máis dura é a psicolóxica. «É unha experiencia moi dura, extrema, na que te pos a proba sobre todo psicoloxicamente. Non comes ben, durmes pouco, e traballas de noite, cando os pilotos descansan», pero aínda así, compensa, afirma o mecánico. As ganas de aventura e competición son as razóns que levaron a Loureiro a enrolarse no Lisboa-Dakar. Para prepararse para a proba o estradense xunto con Francisco Sanchís e Alberto Guillén, piloto e copiloto, estiveron durante nove días nas dunas marroquíes poñendo a punto o coche. Ademáis, o ano pasado participaron en dúas probas do Campeonato de España de Rallies. Todo, para preparar a proba raiña: o Lisboa-Dakar. Agora toca agardar para comprobar se José Manuel Loureiro e os seus compañeiros chegan ao Lago Rosa na 28 edición do Lisboa- Dakar.