O CRISOL | O |
21 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O PASADO LUNS, 16 de outubro, foi un día singular para a vila da Estrada. A construtora Jemagosa, acróstico dos irmáns Sanmartín: José Enrique, Manolo e Gonzalo, entregaron aos propietarios as chaves das 19 novas vivendas ergueitas no cruce das rúas San Paio e prolongación de Losada Diéguez. Este edificio leva o nome de Ramón Verea, un dos homes máis ilustres ao tempo que esquecidos do noso concello. Nacido en Curantes, emigrou a Cuba e máis tarde a Estados Unidos. Alí foi escritor, investigador e sobre todo inventor. Cando os americanos só tiñan un mecano para sumar e restar, Verea argallou unha máquina de cálculo que multiplicaba e dividía con tódolos díxitos. Día xubiloso, pois, porque o nome de Ramón Verea García xa non ficará só no Espasa e no libro biográfico do estudoso Arca Caldas, senón que estará presente no urbanismo estradense. Rafa, fillo e sobriño dos construtores, sensible á memoria histórica, pensou que un home da talla intelectual de Ramón Verea ben merecería ter un referente na súa vila, malia que non tivera unha rúa na súa honra. Grazas, Rafa.