Unha ábsida semicircular e o seu aleiro con chafrán

La Voz

DEZA

O máis salientable da arte románica que posúe San Lourenzo é a súa ábsida semicircular; orientada ao leste; seguindo a ortodoxia das igrexas católicas, apreciamos dende o exterior que está apoiada sobre tres rebancos, estando o inferior parcialmente soterrado. A ábsida de San Lourenzo -a diferenza das outras tres igrexas de ábsida semicircular da comarca- non ten nin columnas adosadas ao tambor nin contrafortes na porción rectangular. Estas ausencias non constitúen un elemento orixinal diferenciador xa que desapareceron, seguramente, por mor dunha reconstrución ou reparación. No exterior da igrexa parroquial vemos unha seteira simple que non está enmarcada por arcos nin columnas. Enriba da seteira, escorado un pouco á esquerda, distinguimos o escudo do Marqués de Santa Cruz que tivo, durante moito tempo, a prebenda de presentar crego (as presentacións rematan coa chegada do Concilio Vaticano II). Sen dúbida o máis interesante da ábsida é o seu aleiro con chafrán enfeitado con bólas, sostido por unha magnífica e variada colección de canzorriños moi choqueiros: cabezas de animais e diversos personaxes que se atopan tocando a viola, en posición invertida, coas mans nos xeonllos, suxeitando un falo, ofrecendo os seus xenitais; completan a colección canzorros con motivos vexetais e un de proa.