A Estrada loita contra as drogas

la voz | a estrada

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

En dous minutos | Campaña de prevención de drogodependencias O Concello tén sete liñas de actuación para atallar o consumo de sustancias adictivas

03 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O Concello da Estrada tén programadas para este ano sete liñas de actuación diferentes cun obxectivo único: previr o consumo de drogas. Os programas, impulsados pola Concellería de Sanidade, apostan por unha loita conxunta contra os distintos tipos de drogodependencia coa implicación tanto de nenos e mozos como de pais ou mestres. O Programa de Prevención do Consumo de Drogas na Poboación Escolar é un dos máis relevantes. Funciona durante todo o período escolar dos rapaces (dende infantil ata a ESO e ESPO) e conleva o traballo na aula con materiais didácticos que se lle facilitan ó persoal docente e que están adaptados a cada idade. Por outra banda, a Concellería de Sanidade organiza tamén obradoiros de habilidades sociais. Trátase de obradoiros dirixidos específicamente a a rapaces e rapazas de sexto de primaria e primeiro, terceiro e cuarto da ESO que teñen como meta o desenvolvemento das competencias sociais dos adolescentes, ampliando e adecuando o seu repertorio de comportamentos e facilitando o mantemento de relacións sociais satisfactorias. A competencia social é un dos eixes básicos do estilo de vida dos rapaces: aumenta a adaptabilidade, fortalece a súa rede social de apoio, diminúe a súa invulnerabilidade e, por tanto, a aparición de desadaptacións sociais, incluída a adicción ás drogas altamente incapacitantes. As habilidades sociais que se traballan adáptanse a cada idade e inclúen aspectos como: como dicir non, como soportar a presión de grupo, resolución de conflictos, toma de decisións ou a empatía. Un dos programas máis populares entre os rapaces é o de Cinensino. Neste programa participan os alumnos de segundo da ESO. O cinema emprégase como soporte base. A proxección dunha película é a desculpa para afondar en temas relacionados coa prevención do consumo de drogas en sesións posteriores de traballo na aula. Ademáis, dúas das actividades do Programa xeral de prevención de drogodependencias da Estrada articúlanse arredor das exposicións. A mostra ¿De que van as drogas? ¿De que van os mozos? é unha actividade dirixida a alumnos da ESPO que consta de vinte paneis  que expoñen temas relacionados co consumo de drogas e o ocio nocturno. A exposición pretende provocar o debate nos alumnos, estimular actuacións e favorecer posicionamentos persoais nos mozos. A outra exposición céntrase no estudio do consumo e a actitude diante das drogas dos rapaces de terceiro e cuarto da ESO.