O Reale estréase fronte ao Ourense F.S. e ao subcampión da Superliga Rusa, o Viz Sinara

La Voz LA VOZ | A ESTRADA

DEZA

17 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O Pavillón Multiusos da Estrada é esta noite, a partir das 20.30 horas, escenario da primeira actuación do Reale Seguros 2006/2007. O conxunto de Rodrigo Feijoo disputa en formato triangular o seu primeiro amigable da pretempada. Os seus rivais, o Ourense Fútbol Sala de División de Prata e o Viz Sinara, actual subcampión da Superliga de Rusia. Unha delicatessen para o padal dos siareiros locais. Entre os seus quince xogadores, o Viz Sinara conta con tres xogadores internacionais con Rusia: o porteiro Serguei Zuev e os xogadores de cancha Vladislav Shaikhmetov e Damir Khamadiev. O Ourense Fútbol Sala chega á Estrada cunha bagaxe similar á do Reale Seguros. Logo dunha semana de adestramentos o conxunto da Cidade das Burgas disputa hoxe o seu primeiro amigable. E faino con catro caras novas: os brasileiros Fabio (porteiro) e Joao (pívot), Careca (á procedente do Parrulo) e Edu, o que foi máximo goleador do último subcampión da Primeira Nacional, o Carballiño. Reforzos que dificilmente farán esquecer ao gardameta Jorge e a Óscar Vivián, pichichi e capitán do equipo a pasada tempada, que coa súa marcha deixaron o Ourense F.S. sen dúas das súas pezas clave. Polo que respecta ao Reale Seguros, o triangular desta noite servirá de presentación do novo plantel ante os seus siareiros. Os hispanobrasileiros Beto e Cecilio, Javi Gómez, Pellón e o retornado Martín son as caras novas do segundo proxecto deportivo do club, que conta coa continuidade de José Antonio, Juáncar, Marquitos, Bruno Soriano, Charly e Capi. Xunto a eles, o canteirán Álex Neira, que trala disolución do plantel xuvenil por parte da directiva marchará cedido o vindeiro mes ao Autos Lobelle da Liga Nacional Xuvenil.