«A xente non sabe o que é o Sáhara. Como moito ten algunha noción de que no verán veñen nenos saharauis a algún concello da zona e pouco máis. Nós queremos ir máis alá. Por iso estamos a organizar charlas informativas sobre a problemática dos refuxiados, fixemos unha no IES Laxeiro e dentro duns días estaremos no outro instituto de Lalín. Pensamos que é preciso involucrar a mocidade neste tema e que poidamos logo facer proxectos», salienta Belén García. Actualmente Solidaridade Galega co Pobo Saharaui ten unha conta aberta destinada a adquirir alimentos e medicamentos que se enviarán aos campamentos, que quedaron asolados polas inundacións de febreiro. «Alí as casas son de adobe, area e auga e non quedou nada e os alimentos tamén se perderon todos». Un ano máis agárdase que haxa familias acolledoras de nenos saharuis en verán «e que os concellos se involucren neste programa».