Montilla comeza a tempada no circuito galego de duathlón

DEZA

O sábado participará en Santiago na súa primeira proba do ano O atleta competirá con Galicia no Campionato de España de seleccións autonómicas

08 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O atleta cruceño Emilio Montilla comeza este sábado a tempada deportiva, e faino participando nunha competición de duathlón, concretamente, na segunda proba do circuito galego, que se celebrará en Santiago. A primeira das catro competicións que compoñen o circuito autonómico xa se disputou en Meira, pero Montilla non participou. A razón de que o deportista acuda este sábado a Compostela é para «coller o punto» de cara á súa participación o domingo 19 no Campionato de España de duathlón de seleccións autonómicas, que se disputará no mesmo circuito en Santiago. Montilla é un dos seis compoñentes do equipo galego, e un dos dous deportistas que o seleccionador escolleu por asignación libre, e non en base aos resultados da proba de Meira. Obxectivos Aínda que Montilla comeza a tempada deportiva competindo en duathlón, ten previsto centrarse máis en probas de triathlón. O atleta xa ten a vista posta no Campionato de España de distancia olímpica e no de longa distancia en triatlón, se ben tamén pensa nos campionatos galegos das dúas modalidades. Para poder facer fronte a estas metas, o deportista agarda que as lesións o respecten, xa que «sempre te marcas moitos obxectivos, pero co transcorrer da tempada é cando realmente ves o que podes facer». O triatleta de Vila de Cruces arranca esta semana a tempada logo dun relativo descanso. Aínda que a pasada campaña deportiva rematou hai tempo, o cruceño apenas se tomou dúas semanas de descanso. «Dende que rematei a tempada adiqueime sobre todo a natación, que é o meu punto feble. Hai pouco que comecei a adestrar duramente coa bicicleta e en carreira, e penso que non estarei ao cen por cen ata dentro de mes e medio», confesa Montilla. Amáis de Emilio Montilla, outros deportistas da comarca, como Javier Nercellas compiten sábado en Compostela.