Pesie á escasa presencia de representantes de clubs locais no acto, o PSOE extraeu unha lectura moi positiva da presentación pública do seu proxecto de pavillón multiusos para Lalín. O voceiro do grupo municipal socialista, Manolo González Aller, manifestou onte que «a resposta que vemos ata agora é moi favorable á nosa proposta. Case un 90% da xente que a coñece está de acordo, e hai moi poucas reaccións en contra». Nembargante, o PSOE non presentará o seu proxecto no Concello ata pulsar a opinión da maioría da sociedade lalinense. Con tal fin, «dámonos un tempo prudencial para recabar o parecer da xente, sobre todo dos clubs deportivos», di Aller. E se a resposta é tan positiva como ata agora «pediremos antes do verán unha reunión con Xosé Crespo e Francisco Vilariño para entre os tres grupos municipais tentar impulsar o multiusos cun gran pacto». A intención do PSOE é pulir o seu proxecto aproveitando as puntualizacións e suxestións que lle fagan tanto entidades deportivas como particulares nas vindeiras semanas. Reparto de folletos Coa fin de chegar ao maior número posible de lalinenses, os socialistas teñen previsto repartir folletos explicativos do seu proxecto de Multiusos entre os asistentes ao partido que esta tarde disputan no Pavillón Municipal o Portadeza e o Novás. Comezan así o seu plan de difusión entre unha das masas sociais máis sensibles coas carencias en materia de instalacións deportivas locais.