O alcalde reiterou o seu apoio ao club roxinegro para satisfacción dos seus responsables Daniel Bodaño arbitrará o amigable co Celta, auxiliado por Luis Miguélez e Nicolás Susena
04 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A directiva do Club Deportivo Lalín saíu onte satisfeita do despacho de Xosé Crespo, tras unha reunión de algo máis de media hora na que o alcalde voltou a transmitirlle o seu compromiso de colaboración institucional. Nesta liña, o presidente da entidade deportiva, Amandio De Bessa, manifestou onte que o rexedor se comprometeu a xestionar unha reunión co delegado de Facenda este mesmo mes, á que en principio acudirá o propio Crespo para tentar facilitar un acordo para o pago fraccionado da débeda que o club roxinegro mantén coas arcas do Estado. Dito encontro non se producirá antes de finais da vindeira semana, á espera do regreso a Lalín do edil de Deportes, Ramiro Ruibal, actualmente de viaxe de traballo. De Bessa deuse por contento coas palabras que Xosé Crespo lles dirixíu a el e aos seu compañeiros de directiva. «O alcalde díxonos que vai tentar axudarnos en todo o posible, e que estamos facendo unha boa xestión». Respecto á posibilidade dun patrocinio municipal para o C.D. Lalín, De Bessa recoñeceu que non trataran o tema co rexedor, ao considerar xa esta unha vía morta trala negativa da oposición na corporación local a apoiala. «En principio descartamos o Concello como patrocinador», afirma o presidente roxinegro. Ante esta situación, De Bessa e compañía manteñen desde hai varios días contactos con diversas empresas da localidade en busca dunha alternativa. «Aínda non falamos de diñeiro», di, «pero creo que ao final conseguiremos un patrocinador», sostén o mandatario deportivo. Por outro lado, xa se coñece o nome do trío arbitral que dirixirá o amigable entre o Lalín e o Celta o vindeiro día 12. Integramente lalinense, estará formado por Daniel Bodaño como colexiado principal, asistido nas bandas por Luis Miguélez e Nicolás Susena. A eles agradeceulles onte a directiva roxinegra a súa colaboración cobrándolle ao club a tarifa arbitral mínima. Nova victoria xuvenil Noutra orde de cousas, os rapaces de Román voltaron a gañar a pasada fin de semana. Nesta ocasión 2-0 ante o Flavia, con goles de Ovidio e unha manifesta superioridade dezá.