Fútbol e universidade

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

27 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

SEGUNDO DICÍA o catedrático de Física Teórica da Universidade Complutense, don Antonio Fernández, non hai moito, nunha clasificación recente non aparece ningunha universidade española entre as 150 mellores do mundo mundial. E a seguir reflexiona: «¿Qué diría a opinión pública se se descubrise que non hai ningún equipo de fútbol español entre os primeiros 150 do mundo?». Así estamos, ou máis ben, «asín» estamos. Eu son o primeiro que defendo o fútbol, porque me gusta e porque o teño practicado abondo. Pero deberiamos recoñecer que o primeiro nunha sociedade moderna é o primeiro, é dicir, o que marcará precisamente a nosa vida futura e a fará mellor ou peor. Neste noso país estamos acostumados, desde o famoso «que inventen eles», a importar ata as ideas, o cal non quita para que certos visionarios científicos e empresarios destaquen coma calquera dos mellores. Pero tamén é certo que habería moitos máis se a universidade non se limitase a ser unha expendeduría de títulos que, ó final, non serven máis que para colgar na parede e acreditar que estudiaches durante tres, cinco ou seis anos. Este é un país que necesita máis «comités de sabios», pero de verdade, non de figurón. Unha nación que vive, alomenos nunha porcentaxe elevadísima, pendente de que o soplagaitas de turno gañe Operación Pufo, a enésima edición de Gran Pallaso ou a Illa dos Casposos, debería replantearse o seu sistema de ensino de abaixo a riba. A universidade non funciona ben porque non se lle dá a importancia que teñen outros asuntos de estado, e polo tanto non se dota cos presupostos que deberían garantir o seu funcionamento profesional e competitivo. Por iso as universidades españolas non están, nin estarán nos vindeiros dez ou quince anos, no ranking de universidades mundiais. O do fútbol é un «mal» mundial, por iso cando un vai a Exipto, os nenos recíbente ó berro de «españoles, Raúl», e non ó berro de «españoles, Severo Ochoa». Non é incompatible que un sinta paixón polo deporte e polo saber a un tempo, polo tanto debería ser misión dos gobernantes fomentar que existise un equilibrio, e non a desproporción entre os que coñecen a Raúl, a Ronaldinho ou a Zidane e a un tempo non saben quen foi Ochoa, Ramón y Cajal e Ortega y Gasset, ou, alomenos, saber que non foron cinco. Rochi@terra.es