As vidas que vendemos

XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR

DEZA

TRIBUNA ABERTA | O |

10 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

TODOS TEMOS un monte, un río, unha casa nas nosas vidas, que son voraces de consumo e soño ata chegado o tempo da reflexión ou das esperas, traspasada esa alta idade media das vistas panorámicas. O meu monte summio chámase Farelo, a un chouto de lebre ou de perdiz da aldea de Nugallás, o centro xeográfico de Galicia. Terras lindeiras de provincias: Pontevedra e Lugo. A curota, que reborda os 950 metros de altitude sobre o mar e óllase desde tan lonxe como Ancares e O Cebreiro, está, nestes días primeiros de agosto, en trance de muda ecolóxica: a estética do negocio dos parques eólicos mancan a súa identidade de monte senlleiro e sagro, coa toponimia da Torre vella e da Torre Nova significando os tempos dun povoamento milenario; santuario con curro de égoas no cristianismo e arestora vítima da pamplina mercader das novas enerxías que xa son invasión patética. A nova Xunta debe pór a luz total sobre as nosas consciencias de consentidores coas desfeitas. O Farelo non só ardía nunha lumieira consentida e espectacular cando eran os moitos anos de abandono, tamén se rexeneraba en peito verde gornecido polas cen augas das fontelas que aló nacen para o descenso ata as aldeas dos concellos de Antas e Agolada, as dúas beiras do cabezo que máis quero, o máis fermoso da miña infancia e xuventude, cando conquistalo era a marabilla das distancias: Compostela, Lavacolla, Arzúa, Melide, O Careón, Palas de Rei, Monterroso, Antas, O Faro, Val de Camba, Agolada, O Candán, O Carrio... o medio mundo para daquela. Olleino o día un de agosto desde a aldea de Bidueiros cando lle espetaban a primeira das derrotas: o mastro ou fuste da máis alta tarabela, a simboloxía da rendición, do feísmo e do Gólgota máis descarado deste tempo de invasións e de permutas. Agora xa, nesta hora da escrita, cae a chuvia mansa da que foi no solpor a torboada contra as furias dos malditos incendiarios. Os relámpagos han defender por unhas horas a miña insubmisión á desfeita dos montes máis queridos. Nin os amos das carrocetas e os guindastres han subir esta noite polas pistas que navallaron a pel do Farelo para arrincar as pedras que serán dos xardíns dos pazos do señor, no alén dos muíños, onde tanto campa a iniquidade e as contratas visten alma de levita. E mañá falarei do noso Río.