Ricos e pobres

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

21 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI XENTE tan pobre que só ten cartos. Hai xente tan rica que saca o lixo en helicóptero. Son os mesmos, os que consideran ó diñeiro o seu Deus. Por riba del non hai nada, ou alomenos nada que non se poida esmagar para chegar arriba. Os ricos tamén choran, aínda que con bágoas menos secas. Cando foi o crack do 29 os ricos tirábanse pola ventá, e, coma sempre, caían sobre os pobres. O mundo está mal repartido. Como di Xaquín Marín, moito está a progresar o terceiro mundo, cada vez hai máis países nel. Por cada vez que un país pobre viola a orde internacional, viola cincocentas veces a orde internacional a un país pobre. E así vai o mundo, por inercia. Os pobres resístense ás estatísticas. Non está de moda ser pobre. O elegante é ter un cochazo á porta, á porta dunha mansión. E gastar 600.000 euros nunha festa de cumpreanos para os amigos. Sin querer caer na demagoxia nin no tópico, ¿cantas familias da India ou de Somalia poderían comer todo o ano con eses cartos que un rico gasta nunha festa de cumpreanos? Este mundo é un paradoxo, pero neste senso de ricos e pobres debe de ser onde máis paradoxal se nos pinta. Mentres un neno morre de fame en Etiopía, Imelda Marcos móstrase encabuxada porque non lle chegou a tempo o derradeiro par de zapatos que lle mandan de París. Mentres unha familia sobrevive con medio quilo de arroz para un día, un caprichoso multimillonario ruso encarga reserva para a cea de todo o seu séquito en cinco restaurantes a un tempo e paga en todos aínda que vaian só a un. O mundo do revés, o moito en mans de poucos, e a inmensa nada repartida entre a maior parte deste val de bágoas. A principios do pasado século, África era un continente virxe. A estas alturas do noso século, está bastante fodido (outro paradoxo). A ninguén lle interesa remedialo. Comezando polos políticos dos países que integran ese continente. Un aforismo medieval dicía «Gazae congestae sunt pondus mentis honestae» (as riquezas acumuladas son unha carga para o espírito honesto). Pero como espírito e honesto son dous vocablos que hai tempo perderon adeptos no noso tempo, a preocupación non vai moi alá. Son os tempos que vivimos.