A BALADA DO CANDÁN | O |
23 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.ALÁ POLO século XII, o emperador Federico I dixo ó Papa Alejandro III: «Non tibi, sed Petro, cui succesor es, pareo», é dicir, non a ti, senón a Pedro, do que ti es sucesor, obedezo. A institución papal está asentada no apóstolo Pedro, e unha vella lenda afirma tamén: «Non videbis annos Petri» (non verás os anos de Pedro, ou o que é o mesmo, ninguén durará na cadeira papal os anos que durou Pedro, que foron 24). Claro que non hai que tomar todo ó pé da letra, porque entre outros, Pío IX e León XIII botaron 32 e 25 anos respectivamente, e Xoán Pablo II, 27. Seguindo con Pedro, mesmo parece que a palabra Papa naceu do artiluxio etimolóxico «Petrus Apostolus Potestatem Accepit» (Pedro apóstol recibiu a potestade). Como vemos, algo con tanta tradición coma a institución pontificia, ten moito do seu xogo fundamentado na primeira pedra da súa Igrexa («Ti es Pedro, e sobre esta pedra edificarei a miña Igrexa»). Semella que o novo Papa, Benedicto XVI, está bastante contento por ser Papa, ou alomenos eso é o que se pode ler no seu rostro cada vez que o enfocan as cámaras dos distintos medios. Non foi así noutros casos, polo menos ó cabo da vida e da reflexión: León XI, no seu leito de morte, sorprendeu dicindo que «¡Quam melius fuiste mihi, si monasterii, quam caeli claves tenuissem!», que vén dicir: «¡Canto mellor me tería sido ser porteiro nun mosteiro, que non ter nas miñas mans as chaves do ceo!». Vese que lle pesou demasiado a responsabilidade. Non son dos que coñecen moito o mundo das institucións eclesiásticas, aínda que si algo da súa historia. Tampouco son dos que se apuntaron, media hora despois de ser elixido o novo Papa, a dicir que era o que «eu dixera a semana pasada que ía saír». Máis ca nada porque, se nos teñen acostumados á sentencia de que o que entra Papa no conclave sae Cardeal, a sorpresa foi que o que entrou Papa saiu Papa e non Cardeal, pero para misterios a Igrexa, ¿ou non?. Remato volvendo sobre Pedro: San Ambrosio di: «Ubi Petrus, ibi Ecclesia», é dicir, onde está Pedro, alí está a Igrexa, frase alusiva á supremacía de San Pedro, por certo moi repetida por un papa aragonés, curiosamente chamado Benedicto XIII, no seu desterro en Peñíscola. Rochi@forcarei.net