O lalinense quedouse a 1,5 segundos de entrar na loita polas medallas dun torneo absoluto O nadador, nas filas do Pabellón de Ourense, compite hoxe na proba dos 100 metros costas
31 mar 2005 . Actualizado a las 07:00 h.? nadador de Lalín nas filas do Pabellón Ourense, Alberto Taboada, compite desde onte e ata mañá no Campionato de España Absoluto e G-5 de Natación Open en piscina longa (50 metros). Unha cita de alto nivel que se celebra en Cádiz, e á que tamén acoden arxentinos, eslovenos, moldavos e holandeses en pos dunha marca para o vindeiro Mundial, uns, e o Europeo Júnior, outros. Na súa primeira xornada, Taboada brillou a unha grande altura, conquistando o primeiro posto na final de consolación dos 200 metros costas. Ou o que é o mesmo, un noveno posto na clasificación final, de entre un total de 42 participantes. O dezao batíu pola mañá a súa marca persoal, establecendo un crono de 2.11.11. Un segundo e medio máis có oitavo mellor nadador das series preliminares, o último en colarse na loita polas medallas na sesión de tarde. Na final B Alberto fixo 2.11.22., superando por escasas centésimas os seus tres principais rivais na proba de consolación. O que fora escollido mellor deportista do ano de Lalín tamén participou onte na proba dos 200 metros estilos. Pero nesta especialidade non ofreceu tan alto rendemento, finalizando as series preliminares co decimonoveno mellor tempo: 2.13.56., a máis de 4 segundos do oitavo crono. Alberto Taboada continúa hoxe a súa andaina no Open competindo nos 100 metros costas. Nesta proba agárdase ver unha nova demostración de forza do dezao, ao atoparse entre o seu repertorio de especialidades. Mañá o ex nadador do Club Natación Lalín voltará a competir. Será nos 400 estilos, modalidade coa que porá punto e final á súa actuación na cita de Cádiz un día antes da conclusión da mesma. O nadador lalinense con maior proxección ata o momento vai así queimando novas etapas nunha tempada na que está voltando a demostrar o seu enorme potencial.