Concello e AED asinaron onte a acta de creación do novo ente A inscripción no rexistro autonómico de Fundacións de Interese Galego é o último paso pendente
01 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.? Fundación do Deporte de Lalín será unha realidade en marcha a finais do presente mes. Alomenos esa é a previsión coa que traballa o Concelleiro de Deportes da capital dezá, Ramiro Ruibal, despois de asistir onte como voceiro da nova entidade á sinatura da acta da súa creación. O acto tivo lugar ante o notario Victorino Gutiérrez Aller, coa presencia do presidente da Asociación de Empresarios do Deza (AED), José Ramón González, o alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias, e os edís Manuel María González Aller (PSOE), Francisco Xavier Vilariño Taboada (BNG), Rocío García Eiras, José Antonio González e o propio Ruibal (PP). Os sete, con Crespo á cabeza como presidente, integran o Padroado da Fundación en representación dos seus dous socios fundadores, o Concello de Lalín, que proporcionou 30.000 dos 33.000 euros do capital inicial do novo ente, e a AED, que puxo os 3.000 restantes. Con case dous anos de retraso sobre o previsto polo Goberno Local, a Fundación do Deporte de Lalín queda pendente agora tan só da súa inscripción no rexistro de Fundacións de Interese Galego. Unha vez se reciba a documentación do notario, o Concello enviará á Consellería de Presidencia da Xunta o expediente do organismo que se encargará de xestionar e de potenciar as axudas ao deporte de base local. Rubial agarda o si de Presidencia a finais deste mesmo mes, para proceder de inmediato á celebración da primeira reunión do Padroado, na que se escollerá un vicepresidente e un secretario entre os seis vocais da Fundación. Só quedará entón seleccionar unha persoa que se encargue da xestión diaria da entidade.