En dos minutos | Intercambio de experiencias entre pais e profesores Os lalinenses levan na carteira unha serie de traballos sobre a comarca de Deza: arte e música
01 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.O desprazamento xa está artellado. Os profesores Uxío Grande Sierra, Xosé Antonio Rodríguez Fernández xunto aos pais de alumnos Ana Balado López e Xosé Olivo García Sánchez e o coordinador e profesor Xosé Manuel López Fernández partirán mañán con destino a Florencia. Unha viaxe que forma parte do calendario de actividades programadas no Grundtvig 2, no que está involucrado un grupo de profesores e pais de alumnos do IES Laxeiro de Lalín. Esta visita, que terá continuidade ata o vindeiro 7 de marzo, será aproveitada polos lalinenses para coñecer prácticas educativas e o funcionamento deste programa europeo en Florencia, a onde chegarán este xoves pola tarde. O venres manterán encontros no Camerata Hospital e no Innocenti Institute e visitarán a área arqueolóxica de Fiesole e a xornada seguinte estará centrada nun novo encontro a celebrar no Instituto de Agricultura de Florencia. O grupo lalinense presentará en Italia unha serie de traballos realizados nos últimos meses. Todos eles xiran sobre a comarca: xeografía, historia, arte, as músicas da zona, o Nadal e mesmo un persoeiro coñecido e singular como foi Pedro Pos.