«Toypes é coma o cocido, leva o nome de Lalín polo mundo»

Amelia Ferreiroa lalín

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

Entrevista | María Bernarda Iglesias Souto EMPRESARIA LALINENSE Leva máis de vinte anos vencellada ao sector téxtil e será a única muller con capa este ano

24 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Primeiro foi a restauradora Toñi Vicente. En sucesivas edicións lles tocou o turno a Fina Casalderrey, Manuela López Besteiro, Ana Pastor, Corina Porro, Chus Lago, María Teresa Campos, Mela Casal, Blanca García Montenegro e Mercedes Fuentes en seres investidas coa capa da Encomenda do Cocido. Este ano, a única representante feminina será a empresaria lalinense María Bernarda Iglesias Souto, da firma téxtil Toypes. -¿Como se sente? -Logo do impacto inicial que me supuxo a noticia, é unha honra que me chamaran e que se lembraran de mín. Persoalmente creo que contamos na zona cun bo número de mulleres que posúen méritos suficientes para ser da Encomenda. De verdade que me sinto honrada e emocionada por este galardón que se me concede. -Sabe que terá que prometer defender o cocido e comelo, polo menos unha vez ao ano... -Iso non será difícil. É un dos pratos que máis me gustan polo que o farei sen esforzos de ningún tipo. Por outra banda, a empresa Toypes é coma o cocido, leva o nome do cocido polo mundo. No etiquetado das nosas prendas aparece o nome da firma, pero tamén de onde é, de Lalín. -Falando do eido empresarial, ¿cando iniciou a súa andaina en Toypes? -Comecei de casualidade no mundo téxtil alá polo ano 1978 cando o que era o meu noivo, xunto con outro socio, decidiu poñer en marcha un pequeno taller.