«Esta mostra é para lembrar que o desastre aínda existe»

Amelia Ferreiroa lalín

DEZA

Entrevista | Suso Rivas González FOTÓGRAFO LALINENSE QUE INAUGURARÁ UNHA EXPOSICIÓN SOBRE O AFUNDIMENTO DO PRESTIGE A asociación Manuel Ferreiro programa unha charla e unha mostra co gallo do aniversario do afundimento do petroleiro

12 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Os días 15 e 26 de novembro son as datas que escolleu a Asociación Socio-Cultural Manuel Ferreiro de Lalín para lembrar que pasaron dous anos dende que o Prestige se afundiu fronte ás costas galegas. A primeira das actividades é unha exposición fotográfica do lalinense Suso Rivas González. -¿De cando datan estas fotografías? -Foron feitas en Nadal, máis concretamente en Noite Boa, poucas semáns despois da catástrofe. Son dez fotos en branco e negro nas que aparecen tanto persoas coma elementos cheos de chapapote. Esta mostra, que se inaugurará o luns, é para lembrar que o desastre aínda existe despois de dous anos e que resta moito traballo por facer, a pesares de que algúns digan que todo está limpo e que non existen problemas medioambientais. É unha ocasión para voltar a mirada atrás, non tan lonxe, e reflexionar sobre este problema. -¿Que captou a través do obxetivo da cámara? -Cousas incongruentes e mesmo sarcásticas nalgunha ocasión. É o caso, por exemplo, dunha foto na que aparecen luces de Nadal e un letreiro desexándolles aos lugareños unhas boas festas cando había chapapote por todos os lados. Amoso outra que tamén é moi significativa xa que aparecen obxectos impregnados de fuel e ao lado un contenedor no que se invita aos galegos a ser coidadosos co medio, con aquelo de Galiza, verde e limpa . Outras fotos mostran aos voluntarios traballando arreo na limpeza das rochas e dos areais. -¿É a primeira vez que se verá este traballo fotográfico? -Non. Con anterioridade estivo exposta no Barriga Verde Café de Lalín, na galería Sargadelos de A Estrada e no pub Exilieta de Silleda. A verdade é que tardei un ano, aproximadamente, en expoñelas por primeira vez porque non estaba moi satisfeito co resultado final.