A BALADA DO CANDÁN | O |
06 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.DESDE UN lugar no que teño unha vista privilexiada da fermosa -e a estas alturas pletórica- fervenza de Chamosa, na parroquia de San Martiño de Forcarei, quero felicitar a Edicións Fervenza por ser un dos gañadores da presente edición dos premios San Martiño de A Estrada. O labor que están a desenvolver Xosé Luna (Sanmartín tamén) e Manuel Núñez Espiño, director editorial e xerente respectivamente, paréceme encomiable. 23 obriñas de teatro escolar publicadas na colección A Pinguela, entre as que se contan obras de autores coma Varela Buxán, Marcial Valladares, Arca Caldas, Vázquez Pintor ou David Otero, dúas na colección A Fontenla, tres en As Nosas Fontes, unha en Orballo, outra no Humor Gráfico, tres na collectione O Cartafol de Vilancosta e cinco máis fóra de colección, nun prazo de catro anos, son unha boa maneira de defender a nosa lingua. Por iso considero máis ca merecido o premio San Martiño, un premio ó que eu gardo un especial cariño desde que, no 1993, dous anos antes do seu pasamento, o gañara Chano Piñeiro, bautizado coma min na parroquia de San Martiño de Forcarei. Reitero as miñas máis sinceras felicitacións a unha editorial modesta pero con tremenda ilusión, da que eu me considero parte, coma tódolos que levamos publicado nela: Vázquez Pintor, Olimpio Arca, David Otero, Avelino Pousa, Xosé Luna, Román Rodríguez, Fernando González, Xoán Carlos Garrido, Martín Veiga, Xosé Couceiro, Tacholas, Esther da Silva, Xosé Durán ou Carlos Loureiro, que ademais é o autor da última publicación, o Diccionario de Escritores de Tabeirós-Montes, onde repasa a vida e obra dos que, profesionais ou non, nos dedicamos a enlixar cuartillas coa pretensión de que alguén nos lea. Esta felicitación tamén vai para el. Para rematar, quero lembrar unha frase que saía na película canadense Leolo. Dicía así: «O único que lle pido a un libro é que me diga que hai máis vida da que podo abarcar». Fervenza dinos a todos que hai unha vida marabillosa en cada un dos seus libros, un pequeno milagre polo que todos nos deberiamos felicitar, porque a lectura debe ser un dos nosos tesouros máis coidados.