O SOL | O |
20 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.DISQUE A ESTRADA podería estar a punto de converterse nun novo oeste americano. ¿Lembran esas pelis nas que os buscadores de ouro pasaban os días buscando pebidas? Pois igual se repite nalgúns concellos galegos. Ao parecer o chan que pisamos ten altos niveis de ouro, e algunha empresa xa está interesada no choio. Xa estou vendo a escea. Onde antes había patacas e millo, logo haberá perforadoras e aparellos en busca da substancia amarela. ¡Menuda se podería montar! Todos os estradenses en busca de ouro, ou en busca de guiris aos que venderlles a finca. Todo isto lémbrame a unha serie que emitía hai anos a TVG, creo que se chamaba Os Beverly ricos , ou algo semellante. A cuestión era que unha familia destas enxebres ,enxebres , dun recuncho deixado da man de Deus en Nortamérica, descubría un xacemento de petróleo na súa finca, e se mudaba a Beverly Hills. Alí pasaba de todo, dende o vello que tiña sempre a escopeta a punto para cazar no medio de Los Ángeles, ata a señoriña que cocía as súas pocións nun caldeiro riba do chan de Porcelanosa. ¡Tremebunda escea!. Non quero dicir con isto que algún estradense poida montar un cirio tal, nin moito menos. É só que a máis dun lle podería cambiar a vida o atoparse no prado unhas cantas pebidas desas. A idea é cando menos rocambolesca, pero sen dúbida divertida. Se algún chega a facerse rico coa historia, igual tamén se muda a Sanxenxo, aínda que claro, ¿donde se estará mellor que onde naciches?. Por se a algún de vostedes o ouro lles cambia a vida, xa saben, nada de Sanxenxo ricos.