A falta dunha etapa, figura no posto 46 da CTT-Correios de Portugal O Club Ciclista Estradense presentará o día 20, no Principal, os seus equipos para a tempada 2004
09 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O estradense Álex Marque está a respostar á confianza dos responsables do Carvalhelhos Boavista cun gran traballo nestas primeiras semanas do calendario ciclista do 2004. Na súa primeira volta profesional, a CTT-Correios portuguesa, o corredor galego pode presumir de figurar na zona media-alta da clasificación xeral despois das dúas primeiras etapas, dun total de tres. A 55 segundos do líder, Cándido Barbosa, do L.A. Pecol, Marque ocupa o posto 46 nun pelotón que iniciou a proba con 108 unidades. Ademais, o estradense é o cuarto mellor efectivo da súa escadra, con oito representantes en carreira, e o español do Carvalhelhos Boavista mellor colocado dos tres cos que compite o plantel de Porto. Álex finalizou o domingo a primeira etapa da CTT-Correios, 157,2 quilómetros con saída e chegada a Santiago do Cacèm, na praza 39, a 13 segundos do gañador e actual líder, Barbosa. Ó día seguinte, é dicir, onte, entrou na liña de meta no posto 52, a 28 segundos do vencedor do día, Marchante, do Costa de Almería, despois de percorrer os 159,3 quilómetros que separan Sines de Beja. Beja-Loulé (161,3 quilómetros) pon fin hoxe á volta lusa e, con el, ó debú de Marque nunha cita profesional destas características. Por outro lado, o Club Ciclista Estradense-Hierros Diego presentará o vindeiro día 20, xoves, no Teatro Principal da capital de Tabeirós-Montes, os sete planteis cos que competirá nesta tempada 2004: principiantes, alevíns, infantís (que conforman a escola do club), cadetes, xuvenís, ciclomáster e elite-sub 23. En total, máis de medio cento de corredores federados. O grupo folc local Da Lúa abrirá o acto cunha actuación musical.