Tempos de ventilador

DEZA

O CRISOL | O |

09 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

OS GALEGOS non estamos acostumados ás temperaturas destes días, iso é indubidable, e, senón, chega con dar unha volta polas tendas de electrodomésticos. Por incrible que semelle, Galicia quedouse sen eses aparelliños tan frescos chamados ventiladores. Hai non moitos días, nunha voda, facíame gracia como unha das convidadas se aireaba cun deses ventiladores de bolsillo, un aparello simpatiquísimo que mesmo semellaba a versión reducida do torpedo dun submarino. Agora ás veces pregúntome donde aquela bendita muller mercaría o trebello azul de aspas negras e zumbante ruidiño. Ó parecer, os corenta graos desta semana fixeron que os ventiladores se esgotasen en tódo-los recunchos de Galicia. Resultaba imposible atopar un en calquera tenda, e ademáis algún centro comercial tivo mesmo que enviar os que lle quedaban para Andalucía, a sufocarlle a temperatura ós pobres olés que estes días non saben nin donde meterse. Claro que, como en todo, hai xente e xente. Namentras uns esperan desesperados atopar o ventilador dos anos 70 perdido no medio das caixas no trasteiro, ou se meten na casa do veciño a roubarlle un pouco de fresco, outros pasan o día divinamente gracias a iso do aire acondicionado. Namentras agardamos que as temperaturas se controlen, seguiremos á busca e procura dun recunchiño onde resgardarnos e non ter que sufrir esa molesta sensación da gota de suor que esvara dende a fronte, continúa polo naris e remata nos beizos. Esperemos, pois, que o astro rei se calme ou que as empresas de electrodomésticos se poñan ás pilas e fabriquen máis trebellos para airearnos.