O CRISOL | O |
31 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.SON UNHA inconformista, ó igual que a meirande parte da poboación que habita no planeta. O de inconformista nesta ocasión non vai no sentido de pretender un futuro mellor nen loitar pola igualdade nin un mundo utópico. O de inconformista neste caso é simplemente porque, ó igual que a maioría, non paro de queixarme, e de vicio. Resulta extraño ver como os galegos temos unha vea protestona que non descansa nin en vacacións. Coa calor destes días, e aínda a risco de que a lingua se nos reseque, non deixamos de queixarnos. Onte era por excesiva calor e o sábado pasado era polas choivas torrenciais que lembraban o diluvio universal. Se fai moito sol queremos choiva para que o agro non semelle o Sáhara; e se o frío nos xea soñamos co bó tempo e co espléndido bronceado que imos lucir. Sen dúbida, o caso é queixarse. En África milleiros de meniños morren de sede, fame e enfermidades, pero nós quixámonos dos michelíns. As minas antipersoa rebánanlle pernas e brazos a inocentes e inconscientes, pero nós queixámonos de non atopar gangas nas rebaixas. Miles de mulleres son violadas e vendidas ó mellor postor en todo o mundo, pero nós queixámonos de non ter máis días para disfrutar das vacacións. Milleiros de homes, mulleres e nenos atópanse exiliados polo mundo adiante a causa de guerras, dictaduras e inxustizas, pero nós queixámonos de non ter o móbil de última xeración. Milleiros de nenos mendigan polo mundo adiante para poder comer, pero nós queixámonos... Queixámonos de todo, parece que o caso é, sinxelamente, queixarse.