O xogador cre que o calendario das tres derradeiras xornadas beneficia ó Bouzas A insistencia, di, é hoxe a clave para derrotar no Cortizo ó Bergantiños
10 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A calidade defensiva do Bergantiños, o quinto equipo menos goleado da Liga, pon hoxe a proba a capacidade do mellor tándem atacante do Grupo A de Terceira División. Felipe, terceiro na clasificación do pichichi con 17 tantos, e Guerreiro, sétimo con 13, levan asinado o 60% dos goles transformados esta tempada polo C.D. Lalín. Na súa segunda campaña no conxunto roxinegro, Manuel García Guerreiro figura coma o principal baluarte ofensivo do seu equipo fóra da casa, con oito tantos. Aínda que extende a condición de «imprescindible» a todo o plantel cando se lle pregunta sobre a relevancia do seu papel no equipo, o centrocampista non pode obvia-lo evidente ó apuntar a Felipe e mais a el como «os xogadores máis importantes» do cadro dezao en ataque. O futbolista de Taboada califica a tempada do C.D. Lalín de «impresionante». Así, lembra que «estamos a ser moi regulares, defendendo o cuarto posto case desde a primeira xornada». A dous partidos para a conclusión da Liga, Guerreiro segue a ver a promoción de ascenso coma un premio antes ca un obxectivo. Eso si, unha recompensa pola que todo o equipo suspira e á que ninguén quere renunciar de ningún xeito. Os dous escasos puntos de ventaxa sobre o Rápido de Bouzas obrigan á escadra lalinense a, coma o seu rival vigués, non cometer ningún erro nos vindeiros oito días. Para Guerreiro, conseguilo élle máis doado ó conxunto costeiro, ó considerar que nas tres derradeiras xornadas «temos un calendario máis complicado có Bouzas. Penso que a estas alturas é máis sinxelo derrotar ós tres de arriba cós tres de abaixo». Respecto á posibilidade de superar mesmo ó Atlético Arteixo e rematar na terceira praza da clasificación, o xogador roxinegro ve a opción coma «outro premio máis. Pero a motivación é para nós a mesma. O importante agora é asegurar a cuarta praza». O Bergantiños é agora para el «un dos rivais máis difíciles que nos podían tocar, o mesmo có Viveiro a vindeira semana». Derrotar ó plantel coruñés pasa hoxe, na súa opinión, pola «insistencia» tendo en conta que enfronte o Lalín terá á mellor defensa do campionato en perigo, ademais, de descenso.