A Asociación Cultural Adellís de Silleda e o Concello organizan un ciclo de cine adicado ó actor e director Billy Wilder que comezará o vindeiro día 29
25 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O ciclo de cine adicado a Billy Wilder inclúese dentro da programación da segunda edición da Semana do Humor. -¿Por que adicar un ciclo cinematográfico a este actor en particular? -Wilder merece este ciclo de cine e moito máis porque foi un dos grandes actores de películas de humor. Por outra banda, morreu este ano e sería un pecado ter unha Semana do Humor e non adicarlle nada a Billy Wilder. -¿Foi difícil facerse con todo o material preciso para as proxeccións? -Tivemos certas dificultades para atopar o material que precisábamos nos formatos desexados. Queríamos proxectar tódalas películas en DVD pero non foi posible polo que algunhas serán en DVD e outras en VHS. Foron moitas horas de traballo por parte dos membros da asociación e tamén do director técnico da Semana do Humor. -¿Intercalaranse conferencias e proxeccións? -É o que tentaremos facer. O ciclo comezará o día 29 cunha exposición fotográfica e sonora sobre Wilder. Posteriormente, ás 21 horas, dará comezo a primeira mesa redonda na que intervirán Antón Reixa e Xosé Morais, guionista da serie Mareas Vivas . De seguido, proxectarase a película Con faldas y a lo loco , unha das preferidas do público ou, polo menos, así o dictaminaron os asistentes os nosos maratóns de cinema que lle deron unha puntuación de 9,2. O crítico de cine de La Voz de Galicia, Miguel Anxo Fernández, e José Luis Losa tamén darán charlas sobre este actor. -¿Un ciclo para tódolos públicos? -Películas e charlas son aptas para todos aqueles que desexen acudir.