A Sala Yago recupera as funcións teatrais na súa nova programación

Montse Pernas SANTIAGO

DEZA

JORGE PAMPÍN

O obxectivo é atraer a público xuvenil e adulto despois do éxito dos títeres para nenos A medio prazo prevese reiniciar a proxección de cine en forma de ciclos e versións orixinais

27 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A Achegar o mundo da escea á sociedade. Ese é o obxectivo co que arranca a nova etapa cultural da Sala Yago. Despois do éxito de público acadado polo espectáculo semanal de títeres que se desenvolve desde hai cinco anos, a nova dirección da sala alternativa aposta por recuperar a programación estable de teatro. O proxecto porase en marcha o vindeiro dous de outubro ata finais de ano e nel implicarase a compañía Teatro do Noroeste, dirixida por Eduardo Alonso. Como principal novidade incorpóranse as representacións teatrais dirixidas a alumnos de ensino medio de toda Galicia. A actriz Luma Gómez, de Teatro do Noroeste, explicou que con esta iniciativa preténdese á vez «fidelizar ó público do futuro e darlle un sentido didáctivo e formativo ós espectáculos». Estas funcións terán lugar todos os mércores e xoves ás once e media da mañá. Por outra banda, a Sala Yago intentará atraer ó público adulto programando actuacións diarias da mesma compañía de mércores a domingo. Deste xeito, pretenden servir de foro de debate e de representación das obras de autores contemporáneos galegos. Aínda que polo escenario do Yago tamén pasarán compañías doutras comunidades españolas, de Portugal, México, etc. A programación para este trimestre, que conta cun presuposto final de 60.000 euros, complétase coa ampliación dos espectáculos de títeres. Por último, os novos xestores da sala anunciaron que no 2003 se retomarán as proxeccións de cine.