Primeiro Día de Galicia en Lalín

RAQUEL TORRES LALÍN

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

A capital dezana estréase na celebración dun acto institucional, que fora proposto polo BNG

18 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A conmemoración do Día de Galicia tamén se deixará sentir este ano en Lalín. Por primeira vez, o Concello organiza un acto institucional que ten como bandeira a pluralidade da participación -aberta a tódolos veciños, asociacións e colectivos-. Ata o de agora a celebración deste día na capital dezana limitábase únicamente á publicación dun bando. No pasado mes de maio, o goberno local aceptaba unha moción do Bloque Nacionalista Galego na que solicitaba a programación dun acto no Día da Patria. A comisión formada para organizalo, integrada por membros dos tres grupos municipais, decidiu adianta-la data da celebración a este domingo, día 21. O acto programado comezará ás oito e media da tarde na casa consistorial e inclúe a lectura dun manifesto por parte do alcalde, Xosé Crespo e un concerto da Banda de Música Municipal de Lalín, media hora máis tarde na Praza da Vila. O feito de que a celebración do Día de Galicia se anticipe a propia data, o 25 de xullo, responde, segundo o goberno local, a un desexo de abrilo á participación a maior cantidade de veciños posible, cuestión que non sería posible de realizarse o día 25, xa que moitas parroquias teñen as súas propias festas. Ademais o BNG, impulsor da iniciativa, non podería asistir xa que se desplaza a Compostela para acudir á tradicional manifestación convocada polos nacionalistas. «A vontade do Concello de Lalín é que a estes actos acudan representantes das forzas políticas, sociais, económicas e culturais de todo o municipio para simboliza-lo espíritu de unión e confraternidade co que Galicia debe afronta-lo seu futuro», sinala o goberno lalinense. Xesto Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego de Lalín amosou a súa satisfacción polo «xesto» do alcalde de acepta-la moción para que se conmemorase a data. «A maioría dos gobernos do PP, desgraciadamente, non o farían», sinala o responsable de política municipal e concelleiro do Bloque, Rafael Iglesias, que calificou a celebración do Día de Galicia en Lalín de «histórica» por non ter precedente, alomenos dende a transición.