Mans de fe en O Corpiño

RAQUEL TORRES LALÍN

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

Milleiros de fieis reviviron onte en Santa Baia de Losón os rituais da festa relixiosa, que non deixa de gañar adeptos Un rebulir de devocións, de mans acariciando o manto da Santa, de mans «cravadas» na cruz logo de mergullarse na auga bendicida, de mans suplicanetes. Dicían moitos dos que onte se achegaron ó santuario de Losón que «O Corpiño xa non é coma daquela», o dos berros implorantes na búsqueda dun remedio para os males da cabeza e o espíritu, o do saca-lo meigallo, o dos choros incesantes. Sen embargo, os fieis volveron a contarse onte por milleiros, tamén voltaron os empurróns por levar o arrecendo do manto da Virxe, que se encheu, esta vez, de euros. Iso sí, á romería mariana sáenlle a cada ano que pasa máis canas.

24 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Non houbo esceas de histerismo, berros, nin choros lastimeiros, como agardaba algún que outro curioso, pero a festa do Corpiño, aínda que cunha masa de devotos cada vez de maior idade, volveu a ser proba feaciente das máis ancestrais devocións. Ata o Santuario do Corpiño achegáronse onte e antonte milleiros de persoas para encomendarse á Virxe, na que xa non só se busca o milagre da curación dos males do espíritu, das doenzas que trouxo o demo. Ó Corpiño tamén se vai na procura de cura para as enfermidades do corpo. O fervor segue intacto. Emilia, da Coruña, leva vindo vinte anos «por devoción, non por festa», aclara por se algunha dúbida quedaba. Pero non faltan tampouco os que se achegan por primera vez. E algúns, por incríble que pareza, sen coñecemento de causa. María Sofía, de Cuntis, recoñece que non sabía da festa relixiosa, que veu nunha excursión da terceira idade «pero devoción si teño». De feito, foron poucos os que só foron de festa. A inmensa maioría asistiu a algunha das misas, que dende primera hora da mañá se oficiaron nun santuario que non dexou de estar ateigado de xente e no que se botaban en falta as imaxes que noutrora testemuñaban os milagros da Virxe do Corpiño e os agradecementos dos fieis. A procesión volveu a desatar paixóns. Repetíronse os rituais. Facerse un oco para tocar co pano a imaxe, pasar por debaixo. Dúas mulleres maiores e vestidas de negro baixan a escaleira á presa para coller sitio. Tiran da nena a que levan polo brazo. Terá oito anos. E o seu vestido tamén e de loito estricto. Baixo a estricta vixiancia dunha ducia de axentes da Garda Civil -cuia presencia se fixo máis frecuente nos últimos anos, dende que a Santa regresaba o altar con algunha ringleira menos de billetes-, desenrolouse a lenta marcha da procesión. Namentras, a comunión prolongábase no templo. Tamén a oración diante do altar, no que as rosas brancas rodearan a imaxe da Virxe en procesión. Os rezos conxugábasen coa ofrenda dos exvotos de cera, coa impregnación das mans na auga bendita para poñelas na cruz. E xa fóra, tamén se pintaban cruces con tiza, nunha das fachadas do santuario. «Para que quede o meu desexo. E que meu pai mellore», explicaba unha devota para logo santiguarse. Nos arredores do santuario mariano, sucedíase a venda do relixioso, pero tamén do pagano e algúns complementaron ás oracións á Virxe coa compra de estampiñas e rosarios, na tenda de recordos do santuario, e logo, nos postos de venda ambulante, coas herbas curandeiras e milagreiras, que sanan, dicía o cartel, todo tipo de males. Os do demo e os do estrés e as comidas rápidas. O arrecendo mestúrase co do pulpo, o churrasco, as cereixas de temporada, os queixos, os chourizos e as rosquillas. Tamén hai camisetas de Rosa, Chenoa, Bisbal e Bustamante. Pero no Corpiño ninguén parece facerlle caso.