A OLLADA NOBRE DE MARCOS MÍGUEZ

La Voz

DEZA

PABLO VIZ VIR Ó REGO

18 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Son contados os que se paran a ve-la vida, que miran o que lles rodea, que escoitan os seres e as cousas, animados e inanimados. O mundo está cheo de xente que mira só o que quere ver, que vai tan á présa que nin ve, que nin sinte. Xente para a que a vida e unha película en presente, sen máis argumento. Pero o falar nin siquera require verbas, e sen a palabra a comunicación alcanza a sinceridade total. Fala a pedra, fala o cabalo, fala o home, fala a xente. O difícil é saber escoitar e quen o consigue é afortunado porque coloca as fronteiras da vida moitos máis ala que a maioría, que a masa. Estou a falar dun privilexiado. Marcos Míguez e un mozo novo que está entre os contados pero con plusvalía para quen lle rodea. Quen queira pode facerse con esa plusvalía porque Marcos regálanos a sua ollada nobre nas súas fotos, situadas sempre entre o fotoxornalismo e o seu mira-la vida libre. Colga quince olladas no café A Farola. Conxela a vida en cada clic, no momento en que a vida transmite máis, xa sexa nos montes de Sabucedo, na horta familiar ou na vila de Malpica. Os ollos da besta falan, o brinco do neno sobre o mundo fala do traballo do mar e ainda que de lombo mostra cara de emoción suspendida sobre a auga. Os valados falan de onte e hoxe contando historias vivas. A máscara no medio da xente ofrece o contrate e o sosego que parece imposible. Marcos Míguez para a vida no instante en que se explica, en músculos, en liñas de pasado e futuro, en ollos, arrugas, pedras, en espellos que mostran plazas como son... As quince olladas que colga na Farola son recíprocas. Traslucen que mira e se deixa mirar. Está presente en cada foto e especialmente en unha en que dúas xeneracións plasmadas no papel fotográfico levan a colocar ó autor por idade na línea descendente, enganchado na liña da vida. A técnica supónselle a un fotógrafo. O difícil está en que a foto sexa unha mirada noble, de igual, sinceira. Neste campo xoga Marcos Míguez, e nótase.